JORGE COIRA, PREMIADO

"El desconocido" faise con dous premios Goya

El desconocido, a película de Vaca Films dirixida por Daniel de la Torre, obtivo dous premios Goya, na categoría de montaxe e de son. O cineasta Jorge Coira foi premiado pola montaxe do filme.

[Imaxe: TVG] Jorge Coira
photo_camera [Imaxe: TVG] Jorge Coira

El desconocido, filme dirixido polo galego Daniel de la Torre e producido por Vaca Films, obtivo dous premios Goya na cerimonia que tivo lugar na noite do sábado. Candidata a oito galardóns, a película rodada na Coruña e protagonizada por Luís Tosar trouxo dous Goya para Galiza, nas categorías de montaxe e son.

Así, Jorge Coira fíxose co Goya á mellor montaxe. O tamén director lembrou na súa intervención as dificultades que atravesa o cinema galego, "toda a xente que está tratando de facer cinema e contar historias na Galiza". A lingua galega puido oírse no auditorio da boca do propio Coira cando lle dedicou o premio á súa compañeira.

O galego volveu escoitarse na gala da boca de Jorge Coira

As estatuíñas ao mellor son leváronas Nacho Arenas, Jaime Fernández e o galego David Machado.

Finalmente, ningunha das dúas candidatas galegas á mellor longametraxe de animación, Maimiño e Holy Night, obtivo o Goya. El desconocido tamén aspiraba aos premios á mellor dirección novel, ao mellor guión orixinal, ao mellor actor protagonista, á mellor actriz de reparto, á mellor dirección de produción e aos mellores efectos especiais. 

Truman, a galardoada da noite

A película Truman fíxose con cinco premios na cerimonia da noite do sábado: mellor filme, mellor dirección e mellor guión orixinal, amais dos premios aos seus actores Ricardo Darín e Javier Cámara.

O premio á mellor actriz foi para Natalia de Molina en Techo y comida e Luisa Gavasa obtivo o premio á mellor actriz de reparto con La novia, película que levou dúas estatuíñas. Ademais, Nadie quiere la noche, de Isabel Coixet gañou catro Goya.

Comentarios