Adro Vello

Descobren nun xacemento do Grove mostras de peixe de hai 1.700 anos,“un achado único”

Tamén se localizaron os restos óseos de cando menos sete persoas: un recén nacido e tres nenos e outros tres adultos, de épocas que van dende o século V ou VI ata o XVII.

xacemento adro vello O Grove Imaxe da USC
photo_camera Imaxe: USC

O xacemento romano de Adro Vello, no Grove, está considerado como unha das necrópoles máis importantes de Galiza. É unha necrópole dun longo uso, máis de mil anos de soterramentos, asentada sobre as dunas da praia do Carreiro, un xacemento onde non se realizaba ningún traballo arqueolóxico desde hai 17 anos. Un equipo combinado das Universidades de Santiago e Vigo traballou estes días nese xacemento, descubrindo unha mostra de peixe de hai 1.700 anos de antigüidade “pode ser un achado único”, asegura Adolfo Fernández, docente e investigador do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat), que xunto á docente e investigadora do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC Olalla López e un grupo de sete investigadores das dúas universidades se encargou da dirección técnica da intervención.

Unha actuación na que tamén se localizaron os restos óseos de cando menos sete persoas: un recén nacido e tres nenos e outros tres adultos, de épocas que van dende o século V ou VI ata o XVII.  “A conservación destes restos óseos é moi boa e a súa datación prolóngase durante un período moi longo de tempo”, explicou a antropóloga da USC.

"Queremos coñecer cómo eran as persoas de Adro Vello, cómo vivían, qué comían e cómo os enterraron e os achados de esqueletos infantís son especialmente importantes porque os nenos representan o sector da poboación máis fráxil ", explica Costas. 

Comentarios