As escavacións no Castro de Viladonga, no concello de Castro de Rei, permitiron localizar unha pequena machada votiva de bronce asociada a rituais de sacrificio e que ten uns 2.300 anos de antigüidade.
A devandita peza, de apenas 13 cm. e 22 gramos de peso, foi atopada nas escavacións arqueolóxicas impulsadas pola Xunta e correspondentes á campaña 2019-2020, durante os traballos no alxibe monumental.
En concreto, no fondo, sobre as escaleiras de acceso ao depósito aparecía unha peza de bronce asociada a outros materiais, principalmente cerámica, ósos e restos de carbón. As análises do material orgánico recollido na campaña anterior confirmaron que se trataba dunha construción castrexa prerromana do século III a.C., anterior polo tanto á construción da muralla do poboado.
Non é a primeira vez que se encontran machadas sacrificais na Galiza, mais a dicir dos expertos esta é probabelmente a machada votiva cunha decoración máis rica.
Así, no colgante desenvólvense moitos dos elementos comúns a estas pezas, como a propia machada, os sogueados ou o torques, ademais dun prótomo de touro, un xabaril na zona mesial, e un prótomo de carneiro na zona distal.
O colgante está relacionado con ritos de sacrificio desenvoltos na segunda Idade de Ferro no noroeste peninsular e enriquece o material ergolóxico do Castro de Viladonga.