Un audiovisual para descubrir os segredos que agochan os castros galegos

Felipe-Senén López Gómez protagoniza este documental de Nós Diario producido arredor do coleccionábel Confín dos verdes castros e valeroso clan! que trata sobre a historia e cultura dos castros da Galiza.

Castro de San Cibrao das Las (Foto: Laura Barcala)
photo_camera Castro de San Cibrao das Las (Foto: Laura Barcala)

Desde o Castro de San Cibrao das Las, un dos máis grandes xacementos na Galiza, o museólogo Felipe-Senén López Gómez explica como eran estes “antigos hábitats” e como evolucionaron co paso do tempo, destacando o seu valor cultural, identificador e diferenciábel. 

Con motivo do coleccionábel Confín dos verdes castros e valeroso clan! que acompaña Nós Diario de terza a sexta feira durante o mes de xuño, achégase este audiovisual para coñecer máis de perto o pasado e afondar na historia do país.

Destácase neste audiovisual o papel da museoloxía e a arqueoloxía como ciencias que permiten o acceso ao coñecemento destes asentamentos. Aliás, Felipe-Senén afonda nos elementos atopados nestas escavacións como os trisqueles ou as rosáceas, cargados dunha fonda simboloxía e vencellados cos ritos e lendas prerrománicas, especialmente de carácter funerario.

Nesta liña, destácanse tamén as artes e técnicas de produción de artefactos e obxectos como elementos característicos da cultura castrexa.

Esta publicación pretende dar conta dos distintos elementos que constrúen os trazos esenciais da nosa orixe como pobo, as pegadas que deixaron os nosos devanceiros sobre as terras que hoxe pisamos.

Saliéntase especialmente o vencello da terra coa natureza, a produción manufactureira, a ideación de máxicos relatos que perduran até os nosos días como vellas lendas que se foron, como as pedras encaixadas na paisaxe, deformando e transformando co paso dos anos. En definitiva, resáltase a importancia da cultura céltica nas orixes da Galiza, procurando unha concienciación respecto do coñecemento, exploración, conservación e mantemento destes castros espallados alén do territorio galego.

Comentarios