Descártase a prórroga do Ano Carvalho a 2021?

Logo do adiamento do Día das Letras Galegas a 31 de outubro de 2020, collía forza a proposta, con notábel apoio de diversos sectores sociais, de ampliar a homenaxe a Ricardo Carvalho Calero durante o vindeiro ano. Esta opción semella descartada á agarda da decisión oficial, pois, segundo declaracións de integrantes da Real Academia Galega a Nós Diario, a institución xa tería levado a cabo unha sondaxe entre as académicas e académicos para coñecer o sentir maioritario, no que o resultado sería negativo.
Carvalho Calero
photo_camera Carvalho Calero

O pasado 17 de maio, alén de pola virtualidade, chegou marcado pola petición por parte de diversas entidades de alongar a homenaxe a Ricardo Carvalho Calero a 2021. Esta decisión, que corresponde á Real Academia Galega (RAG), non se tomará até despois do 31 de outubro, para cando se trasladou o plenario institucional, facéndoo coincidir coa data do 110 aniversario do ferrolán. Durante este mes terán tamén lugar catro seminarios, as quintas feiras, sobre o autor. Foi unha escolla que se tomou o 3 de xullo por unanimidade, trazando un roteiro que aínda terá que ser ratificado na asemblea de setembro, valorando a evolución da situación sanitaria.

O propio 17 de maio fíxose un esforzo por manter o acto na casa natal do autor en Ferrol, nunha situación extraordinaria, ao que se suma, segundo explica a Nós Diario o presidente da Academia, Víctor Freixanes, unha aposta decidida nos contidos dixitais para que a figura e obra de Carvalho "teña toda a difusión posíbel". Neste senso, Freixanes apunta a un cambio de paradigma na convocatoria das Letras Galegas, que a partir de agora se van "universalizar desta maneira" para crear un "novo modelo da cultura galega co mundo". "Temos a modernidade suficiente para facer fronte a unha excepcionalidade coma esta", afirma, co apoio dos datos de triplicación das visitas aos contidos web do autor.

Alongar o Ano Carvalho

A persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas escóllese no pleno posterior á celebración da efeméride, o que tende a acontecer xustamente contra xuño ou xullo. No caso de 2020, esta decisión non se coñecerá previsibelmente até a primeira quincena de novembro. Mais segundo fontes integrantes da RAG en declaracións a Nós Diario, no último plenario do organismo teríase producido unha sondaxe da opinión das académicas para coñecer o sentir do colectivo, especialmente ante o inquérito por parte de múltiples medios de comunicación sobre a posibilidade de prorrogar o Ano Carvalho Calero a 2021, considerando que coas condicións actuais non se lle pode dedicar a atención que con normalidade recibe a figura homenaxeada.

Os resultados desta consulta darían por "descartada" a posibilidade de ampliar a homenaxe. Malia o apoio social que recibiu esta proposta, nomeadamente desde o ámbito do asociacionismo, a Academia optaría por considerar o reforzo dos medios tecnolóxicos neste novo modelo como suficiente e mesmo pioneiro na forma en que as Letras se van celebrar a partir deste ano. A decisión, que aínda non é firme pero semella anticipar bastante o que acontecerá despois de outubro, parece encamiñada a provocar malestar ante a negativa. Os argumentos, segundo as fontes internas consultadas, apuntarían ao sentir de certas "presións ou coaccións".

O 2 de xuño de 2019 a RAG facía oficial a homenaxe do Día das Letras 2020 a Carvalho Calero, a única candidatura presentada nesa ocasión. O nome do que fora primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega levaba roldando a institución máis dunha década, coa denuncia dunha marxinación histórica que se coloca quer na opción lingüística quer na política, que o escritor e intelectual defendera, en especial na última etapa da súa vida.

Para alén das voces de entidades e colectivos como a Associaçom Galega da Língua, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Federación Galiza Cultura, Mesa, Asociación Socio-Pedagóxica Galega ou a Fundación Manuel María, así como unha boa parte dos centros sociais do país, a propia Xunta, a través do responsábel de Políticas Culturais, Anxo Lourenzo, declaraba que vía "argumentos" para esa extensión, se ben respectaba que é a RAG quen "ten a potestade" e a "lexitimidade" para situarse a respecto diso.

Para quen irán as Letras Galegas en 2021?

O sentir popular parece optar por que as Letras de 2021 leve nome de muller. O de Xela Arias é un dos que teñen soado con máis forza nestes últimos tempos. Outras das candidaturas das que xa se escoita falar son as de Plácido Castro ou mesmo Federico García Lorca, quen como é ben sabido deixou escritos na nosa lingua os famosos seis poemas.

O legado de Carvalho

Desde maio, esta cabeceira asumiu o seu compromiso coa divulgación da obra e legado do mestre ferrolán coa publicación de dúas páxinas diarias nas que diferentes persoas especialistas en múltiples facetas da súa obra e vida trataron aspectos que dan conta dunha personalidade senlleira e calidoscópica que permite albiscar, cal polígrafo, o século pasado. Igualmente, con motivo do Día das Letras Galegas editábase un especial do semanario Sermos Galiza de carácter divulgativo titulado "Vivir con autenticidade", que incluía oito artigos das máis recoñecidas estudosas e estudosos da obra e da figura de Calero.

Pasado maio, Nós Diario continúa con esta liña de aposta na divulgación da inmensa e por veces descoñecida produción do mestre cunha escolma de textos da súa autoría que aínda se atopan en moitos casos dificilmente accesíbeis.

Comentarios