A Deputación de Pontevedra elixe tres esculturas como gañadoras do premio Novos Valores

Andrea Dávila Rubio, Nuria Rodríguez Figueiredo e María del Mar Ramón Soriano foron as autoras seleccionadas polo xurado para as becas de estudos. Igualmente, terá o mesmo recoñecemento a composición fotográfica asinada por Alejandro Rego Díaz.

xurado deputación pontevedra
photo_camera Reunión do xurado destes galardóns. (Foto: Deputación de Pontevedra)

Un xurado composto por persoas expertas seleccionou tres pezas escultóricas e unha escolma de fotografías como obras artísticas merecedoras dos premios Novos Valores que outorga a Deputación de Pontevedra. Así Andrea Dávila Rubio, Nuria Rodríguez Figueirido, María del Mar Ramón Soriano e Alejandro Rego Díaz recibirán catro bolsas para estudar por valor de 7.500 euros.

O traballo co que concorreu Andrea Dávila, titulado ‘I wish you’d rub your quills against my stomac’, confórmase con resina de poliéster, fibra de vidro e aceiro. Forma parte nun “proxecto de investigación doutoral no que examina a relación entre corpo, pel e escultura baseado na historia da formación e a remodelación do corpo humano a través de prácticas médicas, fenómenos sociais, mitos e ideas”.

A escultura bautizada como ‘Voltar’, de Nuria Rodríguez, é cerámica vidriada. A artista, que xa se presentou a Novos Valores con anterioridade, aclara que “en conxunto a peza pode lembrar un altar cheo de elementos e símbolos representativos para chamar ao recordo dunha infancia perdida no tempo”.

María del Mar Soriano logrou o recoñecemento con ‘Homeworks. 58h 35 min’. Esta composición “fala do tempo, a forma de emplealo, os tempos industriais e acelerados contrapostos aos tempos artesanais, lentos e reflexionados”.

No caso da colección de fotografía, Alejandro Rego Díaz propón en ‘Representación nº3. La mano del artista’, “unha serie de nove fotografías realizadas entre os anos 2018 e 2019 presentadas en forma de polípctico que pretenden reflexionar sobre a natureza da mirada humana ás obras de arte e de como esta pode afectar á maneira de mirar o mundo real”.

Nesta ocasión o director do museo provincial incidiu, con especial interese, nas memorias que relatan os procesos creativos que seguiron as persoas autoras das obras. Ademais, tamén considerou importante o destino que lle darán as artistas aos cartos que se outorgan nesta edición.

O concurso estivo cheo de novidades polo que foi difícil a eleccións. As pezas presentadas “por unha maioría abrumadora de mulleres” e algúns homes poderán verse na exposición que abrirá esta quinta feira no sexto edificio do Museo Provincial. Estará aberta ao público até o próximo 15 de novembro.

Comentarios