Promoción da música galega e en galego

A Deputación de Pontevedra declara 2019 Ano da Música

2019 será para a Deputación de Pontevedra o Ano da Música. Así o anunciou o responsábel de Cultura e Lingua do ente provincial, Xosé Leal, para quen “a provincia ten unha gran potencia musical en todos os eidos, tanto no popular como no profesional ou no fomativo. Dedicaremos 2019 a poñela en valor”.
 

trompa, música

E “poñela en valor” significa, en primeiro lugar, a declaración oficial de “2019. Ano da Música”. Musigal, o programa que organiza un circuíto provincial de actuacións, será “prioritariao”. E o Culturgal, que decorre en Pontevedra na primeira fin de semana de decembro, servirá “como punta de lanza para que o tecido cultural e os concellos planifiquen 2019 tendo en conta a importancia que a música vai ter nas políticas públicas da Deputación”.

Para a feira das industrias culturais, a Deputación volverá poñer a disposición dos concellos o seu posto institucional. “A música é un elemento con incidencia en todo o territorio da provincia e que ademais democratiza o acceso á cultura tanto de base como profesional”, insistiu Leal. No posto do ente no Culturgal haberá novidades: micropresentacións -accións moi breves nas que os concellos dan a coñecer as súas iniciativas-, proxeccións audiovisuais e un espazo para publicacións relativas á música.

O deputado de Cultura e Lingua, que a pasada sexta feira reuniuse con representates dos concellos da provincia para lles espoñer as novidade, tamén lles explicou “que tipo de aspectos terán cabida no posto da Deputación: certames e ciclos, creación, feiras e eventos, xornadas e publicacións, estudos ou recoñecementos a persoas ou colectivos que aposten pola música galega e en galego”.

Novidades no Musigal


O Musigal, que atinxe a súa segunda edición, presenta algunhas mudanzas. Abrirá o prazo de inscricións de artistas ao longo de decembro e en xaneiro do ano que vén aps concellos. A principal novidade é que en 2019 os concellos só poderán optar a unha única actuación e os artistas a un máximo de cinco. A tramitación será a través da Administración electrónica e o orzamento será de 500.000 euros, como na primeira edición. As categorías serán idénticas: Son muller para grupos nos que polo menos o 60% das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres; Son crianza para espectáculos dirixidos ao público infantil; Son mocidade para grupos nos que polo menos o 60% das persoas integrantes sexan menores de 35 anos; Son tradición para grupos de música tradicional galega; Son clásico para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio composicións de autores galegos; e Son actual para grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica.

Comentarios