A Deputación da Coruña pídelle ao Colón que cancele a obra de Cremades

O valenciano, coñecido polos seus chistes machistas e homófobos, presenta en Galiza o seu último espectáculo: 'Te odio, pero sólo como amigo', que estará o 24 de marzo no Teatro Afundación de Vigo e o 25 no Colón da Coruña. 

jorgecremades
photo_camera Jorge Cremades

Máis de 2.000 persoas xa reclamaron a través da plataforma Change.org a cancelación destes espectáculos, que foron anulados en Bilbao por decisión do Concello, "xa que non é acorde" coa súa política de igualdade, e tamén en Elxe e na Laboral de Xixón. 

Ambos os dous espectáculos en Galiza forman parte de senllas programacións privadas, xa que o Teatro Afundación de Vigo é xestionado pola obra social de Abanca, Afundación, e o Teatro Colón -aínda que propiedade da Deputación- está xestionado por unha UTE liderada por Eulen, que xa manifestou a súa intención de non continuar coa concesión a partir de maio, que é cando remata o seu contrato, por razóns económicas.

O mesmo espectáculo foi cancelado en Bilbao, Elxe e Xixón

Jorge Cremades (Alacant, 1988) defínese a si mesmo na súa web como "un dos creadores máis influíntes do panorama actual". Seguido por máis de 400.000 persoas no Youtube, os seus vídeos son fenómenos virais. E os seus fans no resto das redes sociais non son menos: máis de cinco millóns en Facebook e máis de 100.000 en Twitter, entre outras. Ademais, acaba de publicar un libro co mesmo título do espectáculo.  

Presión desde a Deputación

A área de Cultura da Deputación da Coruña mantivo unha reunión coa xerencia do Teatro Colón co fin de transmitirlle ás queixas recibidas pola programación do espectáculo de Jorge Cremades. E, diante da negativa dos actuais xestionadores do teatro, o departamento dirixido por Goretti Sanmartín "lamenta que as persoas responsábeis da sala non vexan a posibilidade de eliminar o espectáculo da súa programación, segundo explicaron, polas condicións previas do contrato". 

A xerencia do Teatro Colón argumentou na xuntanza que as condicións do contrato impiden a súa anulación, segundo a Deputación

A xerencia do Teatro Colón argumentou na xuntanza que as condicións do contrato impiden a súa anulación, o que traería serios prexuízos económicos non asumíbeis para os seus orzamentos, segundo afirma a Deputación, que recoñece que -conforme aos termos do contrato- a empresa ten liberdade para decidir a programación do centro.

Comentarios