A Deputación organiza seis premios para impulsar a creación literaria

A área de Cultura de Deputación da Coruña convoca este ano seis premios co obxectivo de animar a creación literaria. 
Entrega Premios 2019sssss
photo_camera Entrega de premios de 2019.

A área de Cultura de Deputación da Coruña convoca este ano seis premios co obxectivo de animar a creación literaria. 

Literatura infantil e xuvenil, textos teatrais, ensaio e narrativas son as categorías que premiará a institución, que convoca tamén a quinta edición dos Premios Begoña Caamaño á acción cultural.

O Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, o Rafael Dieste de textos teatrais e o Manuel Murguía de Ensaio iniciarán o prazo de presentación de orixinais nos próximos días e manterase aberto até o 15 de abril. As persoas que queiran presentarse ao Torrente Ballester de Narrativa poderán facelo até o 15 de xuño. Este último premio consolídase como o máis tradicional do conxunto de certames da Deputación, chegando á súa 33ª edición cun galardón de 12.000 euros. 

O Rafael Dieste de Textos Teatrais suma vinte edicións e quince o Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, nos que as persoas gañadoras recibirán 6.500 euros, o mesmo que o premio Manuel Murguía de Ensaio, que convoca a súa edición número trece. Todos os certames inclúen a publicación da obra gañadora no premio. 

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, informou onte de que a súa área “comeza a publicar as bases dos premios culturais referidos ao ámbito literario ás que se engadirán, nos próximos días, os artísticos e musicais”. Con esta convocatoria “apostamos polo apoio á creación cultural nas súas distintas disciplinas, un ámbito que tamén precisa o compromiso das institucións en momentos coma este”, apuntou o deputado.

Nesta publicación do Boletín Oficial tamén saíron as bases da quinta edición do Premio Begoña Caamaño, que recoñece a traxectoria de persoas, colectivos ou entidades e propostas artísticas comprometidas coa promoción da igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura.

As candidaturas pódense presentar até o 15 de abril e as persoas que formen parte do xurado poderán sumar candidaturas cando menos até 72 horas antes da reunión de deliberación. A Libraría de Mulleres Lila de Lilith, o Observatorio da Mariña pola Igualdade, a compañía teatral Elas Tamén Pintan ou Implicadas no Desenvolvemento gañaron o premio en edicións anteriores. 

Comentarios