A Deputación de Lugo doa libros para o Conservatorio Xoán Montes

A Anpa do centro abrirá un fondo de material para o uso do alumnado.
Maite Ferreiro, Rubén Arroxo e Felipe Rivas xunto a representantes da Anpa e profesorado do centro (Nós Diario).
photo_camera Maite Ferreiro, Rubén Arroxo e Felipe Rivas xunto a representantes da Anpa e profesorado do centro (Foto: Nós Diario).

O alumnado do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo contará a partir de agora cun fondo de libros que poderá empregar a modo de préstamo libre.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo puxo a disposición da asociación de nais e pais (Anpa) deste centro un lote de libros sobre teoría da música para facilitar o inicio desta particular iniciativa.

Trátase de publicacións sobre linguaxe, harmonía, análise e historia da música, un material que resulta imprescindíbel para a formación nestes estudos. 

Varios exemplares dunha trintena de publicacións

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, a nacionalista Maite Ferreiro, achegouse ao centro para entregar este material, acompañada polo tenente de alcalde, Rubén Arroxo e polo concelleiro de Educación, Felipe Rivas.

Na visita, representantes da Anpa confirmaron que a realización desta achega de material, que inclúe varios exemplares dunha trintena de publicacións, dá un importante impulso ao proxecto que comezaron de contar cun fondo de libros, que agardan poñer en marcha de forma inmediata. 

Maite Ferreiro felicitou á asociación de nais e pais "por unha iniciativa que procura a igualdade de oportunidades e trata de aliviar o esforzo económico que supón para estudantes e familias seguir estas ensinanzas artísticas, ao ter que custear matrículas, materiais de estudo e instrumentos" e encadrou a colaboración "no apoio que desde a área de Cultura vimos prestando a asociacións do ámbito educativo para que leven a cabo as súas iniciativas". 

O Conservatorio Profesional de Musica Xoán Montes de Lugo conta na actualidade con perto de 450 alumnos e alumnas nos graos elemental e profesional.

Comentarios