A Deputación da Coruña xestionará o Teatro Colón até a súa transferencia ao Concello

A Deputación da Coruña  vén de anunciar que xestionará directamente o Teatro Colón desde a extinción do contrato de xestión privada até a súa transferencia definitiva ao Concello da Coruña ao longo do ano 2018. A Deputación garante, con esta decisión, a continuidade da programación do espazo cultural do que é titular.

Teatro_Colón
photo_camera Teatro Colón

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, anunciou que será a Deputación da Coruña quen asuma a xestión do Teatro Colón, de maneira transitoria, a partir deste próximo mes de xuño despois de que o Concello da Coruña confirmase a súa disponibilidade a aceptar a cesión do espazo cultural.
 
A área de Cultura da Deputación da Coruña asumirá a xestión despois de que se extinga definitivamente o contrato coa UTE encabezada pola empresa Eulen. A administración provincial ponse á fronte da programación e a xestión do teatro por un período transitorio despois de que o Concello da Coruña confirmase a decisión de aceptar a cesión e sumar o Colón aos equipamentos culturais da cidade de xestión municipal. Deputación e Concello acordaron esta medida transitoria dada a imposibilidade de rematar o proceso de cesión con todas as garantías necesarias xusto despois do remate do contrato de xestión privada.

Goretti Sanmartín lembra que a transferencia era a opción preferente da Deputación desde que o pasado mes de xuño a empresa confirmou que non optaría á renovación do contrato, polo que iniciou xa naquel entón as xestións necesarias encamiñadas á cesión da xestión ao Concello da Coruña. Agora ábrese este período intermedio acordado co alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro e o concelleiro de Culturas, Xosé Manuel Sande, até que se poida proceder á transferencia do espazo de maneira segura. Desde hai meses, equipos técnicos dos dous organismos están a traballar co fin de garantir a solidez do proceso.

Comentarios