A Deputación da Coruña destina tres millóns en liñas de apoio ao tecido cultural

"Promocionar a cultura en todo o territorio, fortalecer as entidades que traballan desde a base, apoiar os investimentos das asociacións ou contribuír á formación e difusión cultural" son algúns dos obxectivos destas liñas de concorrencia competitiva que convoca a área de Cultura do ente provincial.

xurxo souto
photo_camera O deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Souto. (Foto: Nós Diario).

Un total de 2.880.000 euros é o orzamento que a área de Cultura da Deputación da Coruña destinará a "fortalecer o tecido cultural asociativo dos concellos" a través de seis liñas de concorrencia competitiva ás cales as entidades poderán presentar as súas propostas.

"Promocionar a cultura en todo o territorio, fortalecer as entidades que traballan desde a base, apoiar os investimentos das asociacións ou contribuír á formación e difusión cultural" son algúns dos obxectivos destas liñas de concorrencia competitiva que convoca a área de Cultura do ente provincial.

Segundo o deputado do ramo, Xurxo Couto, "debuxan un mapa que quere responder ás necesidades e urxencias do tecido asociativo, e tamén consolidar e apoiar o seu traballo, tan importante para a difusión e promoción da nosa cultura".

Dúas destas liñas irán destinadas ás asociacións culturais, unha para a realización de actividades -cunha partida de 950.000 euros- e outra para investimentos, cunha convocatoria dotada con 300.000 euros.

Ademais, as entidades poderán recibir en cada unha das liñas até 30.000 euros se son culturais, 20.000 se son sociais ou asistenciais e 10.000 euros se son veciñais ou socioeducativas.

As corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato son as beneficiarias doutras dúas convocatorias, tamén para o desenvolvemento de actividades e para investimentos, contando cun orzamento de 480.000 e 200.000 euros, respectivamente. 

Entre as actividades que se apoiarán están as de "carácter formativo, de documentación, investigación, recuperación e difusión, produción de espectáculos, libros ou exposicións e organización de encontros arredor da cultura tradicional e popular".

Pola súa banda, na liña de investimentos subvencionarase a "adquisición de equipamento e moblaxe, as reformas e melloras de inmobles de titularidade das entidades ou a compra de materiais de uso técnico e artístico, como vestiario, instrumentos ou partituras".

Completan a oferta de liñas de axuda dúas convocatorias encamiñadas a apoiar a realización de festivais e a fundacións e entidades titulares de museos, centros de interpretacións ou bibliotecas. 

Comentarios