DÍA DAS MULLERES

A Deputación da Coruña crea bolsas para os estudos de xénero

A nova convocatoria das bolsas de investigación da Deputación da Coruña inclúe, como novidade, a creación de dúas bolsas para a área de estudos de xénero. A iniciativa afonda na liña da área de incentivar a igualdade desde o ámbito da cultura. Outra das novidades  é tamén a inclusión da área de planificación sociolingüística da lingua galega na relación de bolsas.

deputación-8marzo
photo_camera Ilustración do cartel do 8 de marzo da Deputación da Coruña

Dúas novas bolsas de investigacións na área de estudos de xénero incorpóranse á convocatoría da Área de Cultura da Deputación da Coruña desde a que cada ano se promove a investigación nas áreas de ciencias sociais e xurídicas, ciencias, ciencias da saúde, enxeñería e arquitectura, artes e humanidades. 

“O obxectivo é axudar á investigación universitaria e promover a innovación nos diferentes ámbitos académicos. A novidade maior é o recoñecemento dos estudos de xénero e a planificación sociolingüística da lingua galega como especialidades transversais que cómpre tamén potenciar e que, precisamente pola súa transversalidade, están moitas veces á marxe das ofertas existentes”, destaca Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura para quen é “fundamental promover a investigación en xénero, imprescindíbel para camiñar cara a igualdade”.
 
A dotación das bolsas é de 160.000 € (8.000 € cada unha) e poderán participar na convocatoria as persoas con titulación universitaria residentes na provincia da Coruña que pretendan realizar un traballo de investigación. As solicitudes presentaranse a través da plataforma SUBTEL na páxina web da Deputación da Coruña na que tamén se atopan as bases completas da convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes remata ás 14:00 horas do día 8 de abril de 2016.

No Día das Mulleres

Con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día das Mulleres, desde a área de Benestar Social,  Educación  e Políticas de igualdade de xénero  da Deputación convidan a participar nun “selfie”pola igualdade que se desenvolverá nas instalacións da sede institucional, no Pazo Provincial. A campaña empregará o hashtag #aíndanon8demarzo nas redes sociais da Deputación da Coruña, de cara a reflexionar sobre aquelas cousas que “aínda non” conseguimos en prol da igualdade de xénero.
 
Para a difusión entre o persoal da Deputación Provincial da Coruña e os concellos editarase tamén un caderno de linguaxe inclusiva, onde se atopará lexislación, reflexións e recomendacións de cara á eliminación do sexismo na linguaxe.
 
A Deputación da Coruña aprobou unha declaración institucional na que se recoñece que “a realidade continúa a evidenciar que a crise agravou a situación de desigualdade e precariedade das mulleres. Diante do discurso falaz da igualdade conseguida diferentes estudos, informes e enquisas recollen datos sobre a crecente situación de precariedade laboral e traballo vulnerábel que viven as mulleres galegas”.
 

Comentarios