A Deputación da Coruña convoca por xunto os seus doce premios culturais

Narrativa, poesía, banda deseñada, artes plásticas, textos teatrais, composición musical, fotografía, literatura infantil e xuvenil, ensaio,  artes gráficas, grupos musicais e iniciativas culturais pola igualdade de xénero son as distintas modalidades

22-dic-2016__CULTURALES_4S4(1)
photo_camera Entrega dos premios de 2016 o pasado decembro.

Onte cuarta feira a Deputación da Coruña abriu o prazo de presentación para unha nova edición de doce premios culturais. Obras de narrativa, poesía, banda deseñada, artes plásticas, textos teatrais, composición musical, fotografía, literatura infantil e xuvenil, ensaio, artes gráficas  ademais de grupos musicais,e iniciativas culturais pola igualdade de xénero poden concorrer a esta nova convocatoria que, desde a área de Cultura, busca incentivar e recoñecer a creación cultural.

O máis novo dos premios culturais da Deputación da Coruña nace nesta mesma edición e é o Begoña Caamaño co que se quere premiar iniciativas culturais pola igualdade de xénero. O de máis historia chega a súa vixésimo novena edición e é o Premio Torrente Ballester de Narrativa, que o pasado ano se dividiu en dous, un para castelán e outro para galego converténdose no mellor dotado economicamente para a nosa lingua. Entre un e outro foron nacendo os doce premios que saíron convocados no Boletín Oficial da Provincia o 22 de marzo.

“Desde a área de Cultura queremos incentivar a creación coa convocatoria duns premios que queren, ademais, converterse en eventos culturais, arredor dos que xiran actividades de promoción e difusión dos distintos ámbitos”, sinala Goretti Sanmartín, responsábel da área de Cultura e vicepresidenta da Deputación da Coruña. Entre outras cousas, destaca que os doce certames convocan tamén doce xurados profesionais de recoñecido prestixio que varían cada ano e que buscan garantir a obxectividade e a pluralidade dos premios.

Os doce certames convocan tamén doce xurados profesionais de recoñecido prestixio que varían cada ano e que buscan garantir a obxectividade e a pluralidade dos premios.

Se diferente é a antigüidade dos premios, distinto é tamén o prazo de presentación das obras para participar nos concursos. O 1 de xuño pecha o prazo para se presentar ao XV Certame Isaac Díaz Pardo de Artes Plásticas e o XI Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil. Quen queira participar nos Torrente Ballester de Narrativa, tanto en lingua galega como en lingua castelán, teñen até o día 10 de xuño para entregar as súas novelas. Cinco días despois, o 15 de xuño, deberán estar rematadas e presentadas as bandas deseñadas en galego que queiran entrar no XII Premio Castelao.

Xa en xullo, o primeiro día rematará o prazo para o XVIII Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais e xusto na metade, o día 15, ponse fin ao tempo para recibir na Deputación da Coruña o XI Premio Manuel Murguía de Ensaio  e os dous premios de música, o XII Premio Andrés Gaos de Composición Musical e o IX Concurso para Grupos e Artistas Musicais que leva, a partir desta edición, o nome do músico Fran Pérez Narf. Para o Premio Jesús Nuñez de Arte Gráfica o prazo de presentación vai do 1 de xuño a 30 de xullo. De todos os concursos da área de Cultura, o Begoña Caamaño para proxectos culturais pola igualdade prolonga o período ao pechar o prazo o 30 de agosto. 

Teñen todos dotación económicas importantes: o maior, o Torrente Ballester de novela

Os premios da área de Cultura da Deputación da Coruña teñen todos dotación económicas importantes que son de 6.500 € na maior parte dos certames, aínda que no de grupos musicais divídese en distintas categorías e no do Premio Torrente Ballester tanto en galego como en español que é de 25.000 €. Ademais, cada unha das modalidades incorpora distintas posibilidades de difusión da obra. No de grupos e artistas musicais inclúese concerto e xira, edición para os premios literarios, tanto en poesía como en prosa, teatro e ensaio; catálogo e exposición para o Luís Ksado de fotografía e o Jesús Núñez de Arte Plástica e estrea de obra por parte da Orquestra Sinfónica de Galicia para o Andrés Gaos.

Por outra parte, os premios irán acompañados dunha programación de actividades paralela co fin non só de darlle relevancia a súa convocatoria senón tamén de difundilos publicamente e promover a participación en cada un dos ámbitos.

A convocatoria no Boletín Oficial da Provincia dos doce premios de Cultura súmase á do II Concurso Musical Infantil e Xuvenil, “Quero Cantar” ao que se poden presentar cancións até o 20 de xuño, os premios Rosalía de Castro para persoas e colectivos que traballan na normalización do galego que ten o prazo aberto até o día 30 de xuño ou o concurso de viñetasVIII Concurso de Viñetas 2017 "IgualMENTE" sobre a sexualidade e a igualdade de xénero, da área de Igualdade, que ten aberto o prazo até o 12 de abril.

Comentarios