PROXECTO EUROPEO TOSTA

Unha residencia artística musical en Irlanda

Búscase artista musical, maior de idade e cun proxecto creativo propio. Son as condicións para optar á residencia artística en Irlanda que a área de Cultura da Deputación da Coruña convoca dentro do marco do Proxecto “TOSTA Cultural Cargo”, unha proposta de intercambio cultural que forma parte do programa Donostia-Capital Europea da Cultura 2016.

luned
photo_camera Mostra do traballo de Luned Rhys Parri, artista galesa en residencia en Galiza

A residencia artística insírese no intercambio cultural que se contempla no proxecto “Tosta Cultural Cargo” no que Galiza participa a través da Deputación da Coruña canda outras comunidades lingüísticas minorizadas do Atlántico europeo como Gales, Escocia, Irlanda, Frisia, Cornualles e o País Vasco. O proxecto forma parte do programa Donostia-Capital Europea da Cultura 2016 e ten como obxectivo a promoción e defensa da diversidade cultural e lingüística.

O proxecto busca unir o fomento da creatividade artística, a celebración da diversidade cultural e lingüística e a innovadora estratexia comunicativa dun proxecto internacional que serve de encontro das culturas de linguas minorizadas do Atlántico. O obxectivo é, así, crear conciencia sobre a diversidade lingüística e especialmente sobre as linguas e culturas minoritarias ou minorizadas.

O intercambio será entre países e disciplinas artísticas e, desta maneira, desde Galiza viaxará a Irlanda unha creadora ou creador do ámbito musical que será quen se beneficie da residencia artística que convoca a Deputación da Coruña. A estadía será do 28 de marzo ao 1 de maio en Irlanda para o autor ou autora do proxecto artístico elixido que, ademais dos gastos pagados, recibirá  2.500 euros para a realización do proxecto.

O prazo de presentación do proxecto é de sete días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación no BOP, é dicir, deste 4 de marzo. Un xurado valorará a orixinalidade e competencia do proxecto, a relación cos valores impulsados pola iniciativa TOSTA, a conexión coa comunidade receptora, neste caso, Irlanda. Pódense consultar as bases aquí

Unha galesa na Coruña

En virtude do mesmo programa, unha artista galesa, Luned Rhys Parri, vivirá e levará adiante o seu proxecto creativo na Coruña nos meses de marzo e abril deste ano. A escultora, ademais de traballar na súa obra, desenvolverá  obradoiros na cidade e logo fará unha xira por Europa. 

Comentarios