A Deputación coruñesa celebrará o centenario da estatua de Rosalía na Alameda compostelá

Definitivamente, xa estamos de cheo nun febreiro máis rosaliano ca nunca. Logo do aeroporto e do avión de Norwegian, chega a proposta da Deputación da Coruña de celebrar o 180 aniversario da escritora cun acto o día 23 no monumento compostelán, que este ano cumpre 100 anos. 

depu-rosalia
photo_camera Miguel Anxo Seixas e Goretti Sanmartín, na presentación da proposta

A área de Cultura da Deputación da Coruña animará a colectivos, institucións e o conxunto da poboación a recrear o cortexo cívico que o 30 de xullo de 1917, hai agora cen anos, inaugurou o emblemático monumento a Rosalía de Castro na Alameda de Santiago. A conmemoración é unha das iniciativas que a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, anunciou en rolda de prensa en Santiago de Compostela, acompañada do investigador, Miguel Anxo Seixas, autor da obra 'Quen fora pedra' que recolle a historia do monumento e que publicará a Deputación da Coruña.

Nun ano en que coinciden dúas datas especiais arredor de Rosalía de Castro, o 180 aniversario do nacemento e o centenario do monumento da Alameda, Goretti Sanmartín presentou diversas iniciativas que buscarán comprometer o conxunto da poboación a honrar a quen definiu como un “símbolo e un referente de toda Galiza e muller pioneira, no feminismo e na defensa da lingua e do país ”.

O 30 de xullo recrearase o histórico cortexo cívico que inaugurou o emblemático monumento en 1917

O acto central terá lugar o vindeiro 30 de xullo coa recreación do histórico cortexo cívico nun “día de festa participativo para o que convidaremos a participar a todas as institucións e colectivos ademais do conxunto da poboación, á maneira do pulo que promoveu a instalación dun monumento que é un espazo de especial relevancia na nosa historia”. Mais antes desa data que xa se fixa como horizonte, a Deputación organizará o vindeiro día 23 de febreiro, véspera do aniversario do nacemento, un acto arredor da estatua de homenaxe á escritora e figura fundamental da nosa historia.

“Polo monumento en que Rosalía nos observa pensativa pasaron milleiros de persoas e organizáronse multitude de actos literarios, sociais e políticos e, convertido xa en símbolo, solicitaremos que a xente difunda a través das redes fotografías da estatua, para conmemorar colectivamente o seu centenario, coa mesma filosofía da súa creación”, sinalou Goretti Sanmartín que  animou a publicar ao longo deste mes novas imaxes ou recuperar fotografías feitas ao seu pé e subilas na rede cos cancelos #QuenForaPedra #Rosalia1917-2017.

Unha estatua con historia

Destacou o empeño social na súa creación, sufragada con achegas indivisuais e colectivas nun proceso non exento de polémica, arredor do concurso de proxectos, e con episodios como o traslado de Madrid a Compostela que durou oito días.

Arredor da conmemoración, a Deputación da Coruña publicará o libro Quen fora pedra, de Miguel Anxo Seixas, título tomado dun verso da poeta que agora acae á conmemoración dun monumento que “nos observa, coñece moitos segredos daquelas persoas que por alí pasaron, para se namoraren, para teceren redes de amizade, para dar discursos políticos e para se comprometeren coa nosa lingua e a nosa cultura”.

O financiamento da estatua, segundo Miguel Anxo Seixas, foi chegando de Bos Aires, da Habana, de Madrid ou de México mais tamén das poxas celebradas na festa de Santiago con obxectos doados pola xente ou mesmo das achegas de nenas e nenos

Miguel Anxo Seixas, que falou de Rosalía como “o símbolo indiscutíbel e rostro de Galiza”, lembrou o inicio da organización para a creación do monumento por parte da  Liga de Amigos que “comezan a moverse e diríxense a prensa para difundir o proxecto para o que crearon o primeiro ‘crowfunding’ ao se dirixiren a colectivos galegos e da emigración para que comecen a mandar diñeiro”. Os cartos, segundo dixo, van chegando de Bos Aires, da Habana, de Madrid ou de México mais tamén das poxas celebradas na festa de Santiago con obxectos doados pola xente ou mesmo das achegas de nenas e nenos que contribúen tamén a sumar forzas para a construción do monumento para o que se conseguen 30.000 pesetas.

“Trátase da primeira vez que a cultura galega homenaxea unha persoa que escribiu na súa lingua e que se lle faga un monumento con esforzo colectivo é para nós un orgullo”, dixo Seixas da iniciativa que só ten como antecedente o busto a Curros Enríquez en Vigo de 1911.