HABERÁ CONVOCATORIAS ABERTAS

A Deputación abre o Colón a residencias de artistas

A área de Cultura da Deputación e o Teatro Colón preparan conxuntamente unha convocatoria aberta a compañías e artistas para residencias artísticas no Teatro Colón e, como anticipo, presenta o programa DAC_EstadíasColón que leva de xira por distintos concellos da provincia os tres últimos espectáculos que naceron no teatro da Coruña dependente da Deputación.

depu-teatrocolon
photo_camera Presentación da iniciativa no Teatro Colón esta mañá

“Con este novo programa iniciamos unha dobre vía de apoio ás compañías, por unha banda á propia creación e desenvolvemento de proxectos e, pola outra, propiciando a itinerancia dos espectáculos cunha xira por concellos promovida pola Deputación”, explicou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, na presentación de DAC_EstadíasColón, programa en que participan Caramuxo Teatro, Quique Peón e Javier Martín, protagonistas dos tres últimos espectáculos estreados e preparados nas instalacións do Teatro Colón.

O programa DAC_EstadíasColón preséntase como avance do que será a convocatoria aberta para residencias técnico artísticas no teatro. “Queremos traballar con bases rigorosas e firmes co cal esta experiencia cos tres espectáculos servirá tamén para testar os distintos aspectos para o proxecto de compañías residentes que botaremos a andar proximamente”, explicou Goretti Sanmartín.
 
Caramuxo Teatro levará o seu “Pavillón Lino” a San Sadurniño, Ames, Arzúa, Pontedeume, Rianxo e Ordes. “O poder do Arcabuz”, o espectáculo de grande formato de Quique Peón, estará en Moeche e Betanzos mentres que “Antiedipus aut homunculos” e “Oximórica” de Javier Martín poderanse ver en Carballo e Betanzos.
 
“Queremos que o programa de residencias artísticas sexa unha liña estábel e que permaneza no tempo, un modelo de referencia doutra maneira de promover a creación e a distribución cunha relación máis directa e intensa co proceso de creación por parte do propio teatro como institución”, sinalou Goretti Sanmartín.
 
Pola súa parte, Fátima Rodríguez, en representación do Teatro Colón valorou a iniciativa e aplaudiu a posibilidade de poder “facer seguimento do proceso creativo desde que nace até que se estrea e agora ver como continúan por medio desta xira”.
 
“Un proxecto pioneiro”
 
Á presentación da iniciativa no propio Teatro Colón asistiron tamén Quique Peón e Juan Rodríguez e Laura Sarasola, de Caramuxo Teatro. “Por fin hai un teatro no país que se presta a facer unha residencia técnica e artística. Por fin temos posibilidade de facer unha residencia como Deus manda”, comezou dicindo Quique Peón. “Non existe ningún proxecto como este, unha convocatoria aberta para poder ser compañía residente nun teatro”, engadiu Peón, que chegou a afirmar que, pola súa dimensión con máis de cen persoas en escena, o seu espectáculo “O poder do Altrabuz” non tería sido posíbel sen a residencia artística no Teatro Colón. “Iniciativas como esta, que se dan en teatros europeos pero que aquí aínda non existían, son lóxicas para que nazan espectáculos de calidade”, afirmou. 
 
Pola súa parte, Juan Rodríguez e Laura Sarasola, de Caramuxo Teatro, destacaron que o programa de estadías “permite montar a escenografía e ter tempo para a creación, o que debería ser o habitual mais a verdade é que non o é”. A posibilidade de iniciar agora a xira vai permitir, ao seu ver, “ter xa o espectáculo feitiño, que se alongue no tempo e que se consolide”.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios