Deporte

Silvia Carregal (As Nosas): "As deportistas aínda seguen en segundo plano"

Xaneiro de 2020 trouxo o nacemento de asnosas.gal, un xornal dixital que procura visibilizar as mulleres deportistas. O xermolo foi Ellas también juegan, un blog persoal de Silvia Carregal que rematou por se converter nun proxecto moito máis ambicioso.
Silvia Carregal - Foto Entrevista - As Nosas
photo_camera Silvia Carregal - Foto Entrevista - As Nosas

Deberon ser uns días intensos. Como foi a acollida?

Estamos moi satisfeitas pola acollida tanto das lectoras como do colectivo do deporte galego. As propias xogadoras e os clubes recibírono moi ben, xa levabamos un tempo traballando na sombra, presentándonos e preparando fontes. Había unha demanda e unha necesidade de informarse do deporte feminino na Galiza, que se ve correspondida cun número interesante de visitas, un crecemento nas redes sociais e unha receptividade por parte das protagonistas, que son elas, as deportistas, e as mulleres en xeral que practican deporte na Galiza.

No deporte feminino, mesmo limitándonos ao eido galego, estamos nun momento doce

Por que escolleron este momento concreto?

Foi unha conxunción de factores. En Ártabra Comunicación, a empresa titora do xornal, traballamos varias persoas cunha traxectoria vencellada ao xornalismo deportivo. Puxemos en marcha o proxecto a partir de aí. Pensamos que agora hai unha receptividade na sociedade para acoller unha iniciativa con este perfil, na que se fale de deporte feminino. Ás veces, os proxectos son interesantes pero non chegan no escenario propicio para ter éxito. Queremos que se saiba o que elas fan e conseguen. Son noticia e había que contalo, con máis detalle do que se estaba facendo. 

Atravesa o deporte feminino unha situación positiva?

No deporte feminino, mesmo limitándonos ao eido galego, estamos nun momento doce. Hai moitas deportistas, individuais e de equipo, de diversas modalidades, que son nomes propios no panorama nacional e internacional. Pouco a pouco vaise falando cada vez máis delas. O ano pasado participei no proxecto Conquista os elementos da Deputación da Coruña, no que mulleres relacionadas co deporte fomos dar charlas da nosa experiencia. A min tocoume un auditorio de rapazada de instituto e púxenlles fotografías de deportistas con éxitos notábeis para ver cales coñecían. Pensei que ía ser peor, porque había un pequeno grupo que identificaba bastantes, pero a maior parte non tiña nin idea duns éxitos que seguramente se os fixese un home coñecerían. Pouco a pouco vanse divulgando, mais elas seguen a ser protagonistas en segundo plano. E iso non é xusto. Cando falamos de información, o importante é que sexa noticia, non o xénero do protagonista. 

Pensamos que agora hai unha receptividade na sociedade para acoller unha iniciativa con este perfil, na que se fale de deporte feminino

Imaxino que tamén se procura crear referentes.

Si, iso é fundamental. A futbolista Vero Boquete insistía moito en que ela non tiña referentes femininos cando era nena. Somos conscientes da importancia de verse reflectida, fai que visibilices a posibilidade de aspirar a cousas sen ser ti mesma quen se pon límites. Nunca podemos ir co "non" por diante. 

Comentarios