Denuncian a manipulación de Castelao no Museo de Pontevedra

Após a recente inauguración da ampliación do Museo de Pontevedra, a asociación Amig@s da Cultura veñen de facer pública a súa denuncia polo trato que recibe a obra e a figura de Castelao, ao seu ver, cativo e manipulado. 

Castelao
photo_camera Castelao

A Asociación Amig@s da Cultura critica o tratamento da figura de Castelao no Museo de Pontevedra despois de realizar unha visita ao centro que celebrou o pasado 22 de agosto a inauguración da ampliación co fin da rehabilitación do Edificio Sarmiento, nun acto que estivo presidido polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, a ministra Ana Pastor e o concelleiro Jesús Vázquez. 

Lamentan que só esté presente a visión do “Castelao artista” que tenta “esconder a súa carga política soberanista” e que unicamente en dous breves textos se dé conta da súa vida. “Neles encontramos ocultaçons e manipulaçons obscenas” sinalan e citan, entre outras, que se refiran ao golpe militar do 18 de xullo cun “Espanha entra na guerra civil”. “Assim se despacha o golpe militar dado polo fascismo espanhol e o posterior terrorismo desatado contra o Povo Galego” indican, do tratamento dado no centro dependente da Deputación de Pontevedra que preside Rafael Louzán. 

“A razóm desta visom sesgada e manipuladora de Castelao e do seu contexto nom é outra que o interesse político e a visom ideológica de um PP herdeiro e conivente com o franquismo” denuncian na nota emitida pola entidade. 

Amig@s da Cultura destacan que o líder nacionalista que desenvolveu unha importante actividade política e cultural en Pontevedra “merecía moito máis”.  Defenden que Castelao, máis alá dunha sala con obra exposta, precisaba un centro dedicado a súa figura na cidade. 

Comentarios