Denuncian os "importantes retrocesos" nas achegas á tradución da Xunta

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (Agpti) critica que as liñas "non se axustan á realidade".
EL7P5QbWwAY5W9Z
photo_camera EL7P5QbWwAY5W9Z

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (Agpti) denuncia que, en relación coa nova orde de axudas á tradución, hai eidos "nos que se avanza a respecto de convocatorias anteriores, mais outros nos que a nova orde estabelece importantes retrocesos".

Desde Agpti, -que formou parte do proceso previo á convocatoria da liña de achegas, igual que outras entidades, a chamado da Dirección Xeral do Libro da Xunta da Galiza-, consideran que "os requisitos solicitados na orde non se axustan á realidade nin ás necesidades dos e das profesionais do sector".

"Estas axudas son un elemento moi importante para o sector, e consideramos que é imprescindíbel contar coa voz de todos os axentes implicados, mais entendemos que a administración non está a recoller axeitadamente as propostas das entidades representantes dos intereses de tradutores e tradutoras", explican.

As profesionais da tradución sosteñen que, desde o seu punto de vista, "a orde de axudas á tradución debe defender os intereses legais, económicos e morais das tradutoras e tradutores", polo que un dos aspectos que valoran máis negativamente desta nova convocatoria é a obrigatoriedade de certificar os coñecementos de lingua por medio de documentos oficiais.

Neste sentido, consideran que o medio para valorar o traballo dos e das profesionais da tradución debería ser "a través da presentación do currículo, como se fixo até agora".

En canto á forma de valorar eses currículos, indican que "habería que dotar cunha maior puntuación a quen teña experiencia en tradución literaria e editorial e, en segundo lugar, a quen teña experiencia noutros tipos de tradución". 

Obras publicadas

Outra das novidades é a esixencia de incluír certificados en relación coas obras publicadas. Para as tradutoras debería ser suficiente con "achegar datos relacionados coa edición do libro, como o ISBN, pois non hai dúbida ningunha ao respecto da súa existencia". 

"Ademais -continúan- parécenos que a experiencia nos pares de linguas cos que a profesional traballou en tradución literaria/editorial debe coincidir cos do proxecto para o que se solicita a axuda, asignando unha maior puntuación a quen teña experiencia no par lingüístico da obra, mais tamén tendo en conta outras posíbeis combinacións". 

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación di que a realidade do seu sector demostra que hai traballadoras "que poden non ter un certificado que acredite o coñecemento de lingua, mais o seu traballo e a formación, moitas veces autodidacta, dótaas da competencia para traducir con calidade lingüística e literaria".

Agpti resalta que traballa "desde a súa fundación" pola "profesionalización no ámbito da tradución, tamén da literaria", e por iso "tampouco podemos concordar con que se valore ter recibido premios á creación literaria como mérito para tradutores e tradutoras, xa que acreditar o coñecemento dunha lingua non demostra que unha persoa sexa boa tradutora, o mesmo que acontece con quen teña gañado un premio de creación.

O desexo das profesionais da tradución é que a Xunta da Galiza "rectifique, xa que, de non ser así, haberá moitos tradutores e tradutoras que van ter dificultades para cumprir cos requisitos desta orde de axudas".

Comentarios