CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

O demo de neón

demo1
photo_camera Un plano do filme

O DEMO DE NEON

The Neon Demon

(Francia-EUA-Dinamarca 2016, 118 min.)

Dirección: Nicolas Winding Refn

Guión: Mary Laws, Nicolas Winding Refn e Polly Stenham

Fotografía: Natasha Braier

Música: Cliff Martinez

Elenco: Elle Fanning, Jena Malone, Keanu Reeves, Karl Glusman, Bella Heathcote, Abbey Lee, Desmond Harrington, Charles Baker, Christina Hendricks

SINOPSE

Jesse chega a Los Angeles co soño de se converter nunha modelo de éxito. A pesar da súa xuventude destaca pola súa innata beleza logrando acaparar pronto todas as miradas, e non todas son de admiración.

CRÍTICA

“A beleza non o é todo. É a única cousa”. Hai uns cantos filmes que tratan, a súa maneira, sobre a pantomima que rodea o mundiño da moda: desde a coral Pret-a-Porter de Robert Altman, a exitosa O diaño viste de Prada, pasando pola sátira pavera de Zoolander até biopics de gurús da moda como a(s) que tivo Yves Saint Laurent, dous no mesmo ano. O danés Nicolas Winding Refn únese a este selecto clube que pon o foco nas tensións que xera este efémero, frívolo e tóxico mundo con O demo de neón, un popurrí a medio camiño entre as paranoias de David Lynch (Mulholland Drive) e Takashi Miike (Gozu), e certo achegamento ao giallo italiano con ínfulas que lembran a Sorrentino (A grande beleza) ou Kubrick (O resplandor). Unha mestura a priori apetecíbel mais difícil de dixerir se non se fía ben. A estética é cuspidiña a de Drive, o filme que o lanzou á fama xunto a Ryan Gosling, é dicir: mesma musiquiña de sintetizador (firmada tamén por Cliff Martinez), títulos de crédito retro, mesmas cores rechamantes, uso (e abuso) de cámara lenta, violencia contida en calma chicha... o mesmo enfoque que en Drive mais aquí muda por protagonista feminina en plan “a moza de Showgirls de Verhoeven que pasa ao lado escuro do Cisne Negro de Aronofsky”...

Unha mestura a priori apetecíbel mais difícil de dixerir se non se fía ben

Jesse, tímida e virxinal, ten gaña de triunfar no mundo da moda. Tras chegar a Los Angeles, e facer unha controvertida sesión de fotos, faise amiga de Ruby, unha maquilladora, digna herdeira da condesa de Báthory, que lle fai de cicerone por Los Angeles xunto a dúas modelos amigas dela, manequíns inexpresivos, que non poden facer outra cousa que envexar a beleza natural de Jesse, diamante en bruto que, loxicamente, acaba triunfando nas pasarelas. A medida que trunfa e cumpre o seu soño, o suposto “demo de neón” vaise apoderando dela. O seu carácter, puro e amigable, vai entrando nunha espiral de vaidade demasiado perigosa que pode acabar por converter o soño en pesadelo... A trama xira entorno a estas catro mulleres, a cada cal mellor, interpretadas por Elle Fanning (Super 8) no papel protagonista, no das modelos lurpias Bella Heathcote (In Time) e Abbey Lee (Mad Max: furia na estrada), e no da maquilladora, e grande sorpresa do filme, Jena Malone (Puro vicio), que tras este regalo de personaxe, e como o afronta e fai seu, ben merecería ter un spin-off. Nos roles masculinos secundarios Karl Glusman (Love) coma mozo da protagonista, Alessandro Nivola (Face/Off) no rol de caza talentos, e tamén anda por aí un desatado Keanu Reeves (Matrix) que rexenta un inquietante motel onde pasan cousas que mellor non saber. Ambición, fama, desexo, voyeurismo, onanismo, envexa, vaidade... un filme mutante e inclasificábel que anda ben no xogo de espellos mais algo pretensioso nas formas e desconcertante no fondo. Mágoa que tarde tanto en pillar ritmo e ir ao quid da cuestión porque conta cun deses finais perturbadores e memorábeis, non apto para todos os gustos, que acaban á forza nos miolos durante máis tempo do que desexaríamos. Certamente difícil de esquecer. Premio da Crítica en Sitges e Mellor Compositor en Cannes. Desde hoxe tamén no Cineuropa Compostela.

Comentarios