As delimitacións dos Camiños de Santiago chegan por segunda vez aos tribunais

O Foro do Camiño primitivo vén de impugnar a delimitación oficial da histórica vía coa presentación dun recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. 

Foro do Camiño
photo_camera Foro do Camiño

Para o Foro do Camiño, a delimitación da Xunta “atenta contra os criterios de autenticidade e integridade na identificación da calzada histórica e a súa contorna cultural”. Denuncian diante do TSXG que a Consellaría de Cultura esquece o mandado legal de recuperación da traza orixinaria, “adulterando de xeito drástico a definición do seu territorio histórico e deixando sen a debida protección xurídica gran parte dos seus valores culturais e ambientais”. 

Critican que a Xunta centre as súas políticas arredor das vías históricas nas súas vertentes turísticas e comerciais, “relegando a protección patrimonial a nivel anecdótico” e lamentan que este desenfoque afecte non só a delimitación do Camiño Primitivo senón tamén á falta de protección de todas as vías históricas. Segundo denuncian desde o Foro do Camiño Primitivo, estanse a oficializar trazados seguindo intereses especulativos e presións políticas que provocan unha desviación dos itinerarios históricos, falsificando ou omitindo algunhas das súas partes. Ao seu ver, a gravidade dos feitos denunciados está a poñer en risco mesmo a proclamación do Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade. 

Son xa dous os recursos xudiciais presentados pola sociedade civil na defensa dos camiños de Santiago dos que a Xunta. As dúas vías que a Xunta ten delimitado de maneira oficial, o Camiño Francés e o Primitivo, chegan desta maneira aos tribunais. Como exemplo do desleixo e da vontade da sociedade na defensa dos camiños poñen as recentes mobilizacións que se están a desenvolver en Sarria na defensa do patrimonio histórico e natural. 

“Vémonos na obriga de xudicializar aqueles procesos de delimitación que non cumpren co requerido pola lei e que non foron concibidos con diálogo nin participación pública”, sinalan desde o Foro. Denuncian tamén que os traballos técnicos foran licitados en 2007 mais a incoación do expediente só se realizou en agosto de 2012, “demora que ten permitido realizar toda caste de atentados”. 

Comentarios