Deleiba presenta o seu rock galego máis "positivo"

A banda de Muros, Deleiba, aposta por un videoclip sobre a positividade e esperanza coa canción "Erguerse"
Deleiba Foto Bandasss
photo_camera Deleiba durante a rodaxe do videoclip. (Foto: Nós Diario)

Deleiba publicou antonte o seu novo videoclip. “Erguerse” é o nome da canción que acompaña esta peza audiovisual que utiliza os roles de xénero na infancia, a liberdade sexual e a superación persoal ante a perda dun ser querido como protagonistas. 

“O tema nace antes da pandemia, máis centrado no desamor, pero ao longo do ano vimos que podíamos darlle máis significados a este letra simbólica”, sinala o batería de Deleiba, Mauro Gómez, en declaracións a Nós Diario.

A banda de Muros –integrada por Jesús Saborido (baixista), Denís Lamela (guitarra), Alberto Romero (guitarra), Germán Mosqueria (voz) e Maurgo Gómez (baixista)– utiliza o seu rock máis positivo para encher de enerxía ao público baixo o lema “Cada vez que me tumben, reunirei as forzas para erguerme”. 

A pandemia da Covid-19 fixo que esta produción audiovisual tivera que adiarse en varias ocasións debido ás restricións de mobilidade. “O videoclip gravouse en decembro, aproveitando a flexibilidade das restricións, mais houbo momentos de ter todo organizado e dous días antes ter que cambiar o plan”, apunta Gómez. “Sen a axuda da xente de Muros e todo o traballo do conxunto non se podería ter realizado; o equipo de remo mesmo cambiou un dos seus adestramentos para que nós puidésemos gravar”, conta o batería. 

Unha parella de mozos, unha nena que quere entrar nun equipo de remo e unha rapaza que “tira para adiante e supera o seu loito” son as historias protagonistas do videoclip dirixido por Daniel Pérez. “Quería un estilo moi clásico e visual para esta canción chea de positividade e esperanza”, indica o director en conversa telefónica co xornal.

O seu estilo de “escenas estáticas e escenificadas, nas que xogo moito co zoom”, bebe de influencias internacionais como Gaspar Noe e o seu filme Love –nos planos da parella de rapaces na bañeira– ou mesmo das de casa, como o videoclip de “Perfidia” de Tanxugueiras.

Estrelas no chan

En contraposición a este estilo, o grupo Tulip lanzou o primeiro sinxelo, "Simpático", do seu disco debut Estrelas no chan. Un videoclip "escuro, sombrío e melancólico" sobre o amor, dirixido por Fernando Areal.
 

Comentarios