CULTURA

"O DelasFest naceu co obxectivo de rachar coas desigualdades de xénero na arte urbana"

O festival de arte urbana inicia unha campaña en Goteo para recadar apoios.
Participantes no Delas Fest (7H Cooperativa Cultural)
photo_camera Participantes no Delas Fest (7H Cooperativa Cultural)

En 7H Cooperativa Cultural botaron a andar un micromecenado en Goteo para poder realizar a II edición do festival DelasFest, un encontro feminista de arte urbana e contextual, unha iniciativa pioneira a nivel europeo que realizaron por vez primeira en 2019 co obxectivo de contribuír ao combate creativo das prácticas e discursos que sosteñen as condicións de desigualdade, tanto materiais como simbólicas, que sofren as mulleres creadoras nesta disciplina. Conversamos con Sara Alonso, socia traballadora de 7H, para saber máis deste festival. 

O DelasFest é un festival de arte urbana, cal é a súa cerna?

O DelasFest é un festival feminista de arte urbana e contextual que organizamos desde 7H Cooperativa Cultural por vez primeira en decembro de 2019 como aposta continuadora do programa artístico educativo Elas tamén pintan, que é un laboratorio de formación práctica e teórica orientado a concienciar a mocidade sobre as desigualdades de xénero neste eido creativo e tamén a dotar as mulleres, sobre todo as máis novas, dun espazo formativo para crear libremente e de forma segura. Ao igual que o Elas tamén pintan, que en 2018 foi recoñecido pola Deputación da Coruña co Premio Begoña Caamaño á Acción Cultural pola Igualdade de Xénero, o DelasFest naceu co obxectivo de rachar coas desigualdades, tanto materiais como simbólicas, que sofren as mulleres nesta disciplina, na arte urbana.

Por que decidiron optar polo mecenado para sacar adiante a segunda edición?

O mecenado, por unha banda, responde ao enfoque participativo e colaborativo desde o que entendemos a cultura e aos procesos de produción que teñen. Detrás do festival estamos unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro, que como entidade da economía social situamos a busca do ben común, da transformación social por enriba dos beneficios económicos.

Cremos que as redes de colaboración, o apoio mutuo e a solidariedade horizontal permiten plataformas como as de Goteo, ou iniciativas como as do mecenado, que son parte do protagonismo colectivo que nós sempre procuramos. A maiores, acudir ao financiamento colaborativo é tamén unha obriga para garantir viabilidade do festival porque se ben agardamos lograr financiamento a través do apoio dos concellos implicados e de empresas patrocinadoras, sabemos que os custos totais do proxecto van ser superiores. Ademais, a situación de crise provocada pola pandemia do coronavirus, que obrigou á práctica paralización da nosa actividade, que rachou con toda a nosa planificación, dificulta máis a obtención de recursos. A verdade é que agora mesmo, como boa parte das traballadoras e iniciativas do sector cultural e artístico, afrontamos o futuro con moita incerteza e ameaza reforzada dunha maior precarización. O éxito do mecenado é unha condición para poder continuar cos pinceis en alto. 

Que nos poden adiantar da programación deste ano? 

A nosa intención, sempre e cando logremos obter o orzamento que en Goteo se coñece como "óptimo", é organizar un festival baseado, ao igual que na primeira edición, na diversidade, na cooperación e na concepción da arte urbana como arte contextual. Queremos que haxa intervencións artísticas nos catro concellos participantes, Ames, Teo, Brión e Santiago; xornadas de convivencia entre as artistas convidadas, co obxectivo de que se poidan achegar á historia e á idiosincrasia do contexto no que van intervir, pois interésanos moito que xurda un diálogo creativo e non que as artistas veñan cunha idea preconcibida.

Imos organizar catro obradoiros de creación, en cada un dos concellos participantes, con dúas orientacións diferentes e destinados a públicos distintos, tanto para persoas sen coñecementos previos, que se queiran iniciar no graffiti ou no muralismo, así como para aquelas que queiran perfeccionar os seus coñecementos. Co obxectivo de reforzar os espazos de diálogo procuramos realizar un par de faladoiros e un debate e, xa como colofón do festival, e como novidade a respecto da primeira edición, queremos facer un encontro de improvisación creativa, aberta a todo tipo de artistas.

Comentarios