Vanesa Sotelo estrea na Maia 'Espécies Lázaro' con Teatro Art'Imagem

Defensa galega e lusa do medio ambiente

A dramaturga Vanesa Sotelo dirixe con Teatro Art'Imagem da Maia (Portugal) a peza Espécies Lázaro, unha obra en dous tempos, o século XVI e o XXI, e en dúas vertentes da lingua, a galega e a portuguesa, que se estrea esta terza feira na Quinta da Caverneira da Maia e da que poderemos gozar o 8 de xullo na Mostra de Teatro de Cangas.
EL_020621-405
photo_camera Pedro Carvalho, Davide González e Flávio Hamilton en 'Espécies Lázaro'. (Foto: Nuno Ribeiro)

"Unha comedia áspera e aceda", así define Teatro Art'Imagem a súa nova montaxe escénica, para a que contou coa autora e, nesta ocasión directora, Vanesa Sotelo (Cangas, 1981), e que leva por título Espécies Lázaro. Unha obra na que a canguesa reflexiona sobre a ruptura das fronteiras a través das raíces das linguas galega e portuguesa e que se interpreta no Auditorio da Quinta da Caverneira da Maia (Portugal), desde esta segunda feira até o 20 de xuño, en horario de 19 horas de terza feira a sábado e ás 16 horas do domingo. 

A montaxe, coa que se lle dá continuidade a case 40 anos de colaboración entre Teatro Art'Imagem e o teatro galego, formará parte do programa da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (Mitcf) de Cangas, o próximo 8 de xullo

O elenco, constituído polos actores Davide González da Galiza, Pedro Carvalho de Portugal e Flávio Hamilton de Cabo Verde, non é obstáculo para que Vanesa Sotelo conte unha historia que "ten que ver coa memoria, co territorio e tamén coa muller", explica a Nós Diario, "e nun momento de ofensiva contra o medio ambiente, na que a procura de recursos verdes atenta contra o espazo natural, cheguei á raíz". Unha base que non é outra que a "situación extrema dunha tripulación en alta mar". 

Unha historia narrada dúas liñas temporais

Davide González, Pedro Carvalho e Flávio Hamilton interpretan a dúas personaxes cada unha, por unha banda unhas mulleres no galeón San Xerome do século XVI e, pola outra banda, tres homes que realizan sondaxes do fondo mariño da Galiza co obxectivo de catalogar os animais e achar algunha "especie lázaro", aquela que se considera extinta máis nun momento volve ser vista.

"En paralelo a esta situación extrema en alta mar, dunha tripulación do século XXI, o que vemos é a pose a través dos corpos dos actores dunha situación semellante coa que eu fantasiei e da que me apropiei, e á que me guiou o galeón San Xerome, que estaba capitaneado por Isabel Barreto, a primeira almirante da historia da navegación", relata Sotelo.

"Achégome á figura de Barreto tentando investigar o territorio galego e o portugués, porque aínda que naceu en Pontevedra a súa familia era portuguesa e Álvaro Mendaña (capitán co embarcou na busca das illas Salomón) naceu no Bierzo...", engade.

"De fondo está esta convivencia das linguas e das propias persoas que nun espazo reducido, neste caso dous barcos que navegan en paralelo en dous séculos diferentes, viven a mesma situación e deben soportar as emocións que os afectan".

Refírese a dramaturga ao que acontece nos dous relatos de Espécies Lázaro: a historia do buque oceanográfico, no que logo de varias semanas de convivencia e unha enfermidade inesperada a tripulación comeza a amosar os seus prexuízos; e a do galeón San Xerome, que no Pacífico sofre a morte do seu capitán e toma o mando a súa viúva, Isabel Barreto, nunha embarcación coa tripulación minguada, sen víveres e sen auga. En ambos os casos se produce a anteparite, unha síndrome que experimentan as persoas confinadas no mesmo lugar durante moito tempo.

Ensaio e montaxe marcadas pola Covid-19

A situación sanitaria provocada pola pandemia da Covid-19 retocou o decorrer desta montaxe. A súa estrea, prevista inicialmente no inverno de 2020, adiouse até o 13 de abril de 2021, unha data na que a situación sanitaria tampouco permitía a apertura dos teatros. "Iniciabamos os ensaios presenciais en xaneiro pero xusto cando iamos viaxar a Maia, Portugal fechou as fronteiras", lembra Sotelo.

"Foi unha reinvención constante, fixamos os ensaios para o 25 de xaneiro pero non podiamos desprazarnos", conta a directora, así que "comezamos un traballo de mesa que durou até abril, tres meses de traballo virtual, de conversas sobre o texto, de construción de personaxes, de debate... Algo que foi moi, moi enriquecedor", sentenza.

"Unha vez que puidemos traballar presencialmente había moitísimo labor feito e unha claridade moi boa do que quedaba por facer", explica a dramaturga que tamén lembra que "todas esas fronteiras que se nos foron levantando polo camiño conseguimos facelas desaparecer". 

Comentarios