Análise

Defensa da edición

O papel singular das persoas vinculadas á edición é do máis relevante, especialmente polo de ameaza e banalización que ten hoxe o seu traballo.
Tipos móbiles nunha imprenta de Gutenberg. (Foto: Richard Rutter. CC BY 2.0)
photo_camera Tipos móbiles nunha imprenta de Gutenberg. (Foto: Richard Rutter. CC BY 2.0)

Hai poucos movementos dentro da teoría literaria que tivesen a importancia e a relevancia das teorías sociolóxicas ou sistémicas. O seu punto de partida é sinxelo en aparencia, aínda que chegar a el foi complexo e os seus postulados aínda resultan un tanto chocantes para a inercia coa que acostumamos contemplar un elemento co peso cultural que ten a literatura. Ao longo dos séculos XIX e XX, os estudos literarios trataron de focalizar o núcleo do seu interese en distintos elementos: o xenio concreto das persoas creadoras foi explicado desde unha orixe semidivina até o estudo, bendicido pola psicoloxía, da súa biografía e traumas persoais. O valor do texto como elemento fundamental da comunicación literaria tivo tamén o seu momento de auxe, situándoo como obxecto central, e mesmo único, do que os estudos literarios deberan ocuparse.

A proposta das teorías sistémicas afonda as súas raíces en moitas das transformacións contraculturais deses dous séculos que anteceden o noso, aínda que non toman unha forma coherente até as últimas décadas do XX. O estudo da literatura non pode vincularse a un único elemento sobre o que construír un estudo xerarquizado cun elemento sinalado como prioritario, senón que ten que basearse nas relacións entre distintos axentes, que son as únicas que poden dar unha perspectiva global do fenómeno literario.

Sistema literario galego

Nalgún momento dos anos dous mil a maior parte dos axentes culturais da Galiza comezaron a referirse a algo chamado “sistema literario galego”. É irónico que a maior parte das persoas que o facían fosen figuras autorais, pois a configuración sistémica ten como consecuencia o cuestionamento do peso do autor dentro da configuración dunha literatura. Realmente, os autores e autoras figuran como unha engrenaxe máis dunha inmensa maquinaria na que interveñen moitos outros eidos que até a época foran maiormente deixados de lado polos estudos literarios.

Dentro destas correntes, Pierre Bourdieu tramaba a descrición parcelada dun campo sociolóxico que creaba as normas de distribución de elementos como o valor artístico ou literario, mentres que Itamar Even-Zohar, cuns postulados máis finalistas, se preocupaba polos distintos elementos que formaban parte dun “sistema de sistemas”. Tiven a fortuna de ser alumno deste último hai cousa duns quince anos, e de asistir á un seminario sobre o papel das distintas figuras dun sistema no “éxito cultural”. Un éxito que el mesmo recoñecía como algo variábel en canto a concepto pero que tamén vinculaba á supervivencia cultural dunha comunidade, moitas veces en contextos de emerxencia nacional. A capacidade para adaptarse aos cambios e seguir existindo era fundamental, fosen cales fosen as circunstancias ás que esa cultura se enfrontase.

Even-Zohar fala de intelectuais, elaboradores de ideas e emprendedores culturais. Podemos discrepar dalgunha parte das dinámicas nas que estas categorías funcionan segundo a súa descrición, pero certamente supoñen unha superación das perspectivas populares que asocian a persistencia dunha cultura aos seus escritores.

Editores ante a barbarie

Somos galegos por Rosalía de Castro, pero tamén por Juan Compañel. Por Castelao, pero tamén por Ánxel Casal. Por Cunqueiro, pero tamén por Fernández del Riego. Por Blanco Amor igual que por Luís Seoane. O papel das persoas que tramaron as posibilidades do “emprendedorismo cultural” tamén se vai actualizando, ou polo menos permite a intromisión do que Even-Zohar chama “elaboradores de ideas”, que son capaces de adaptar o curso das actividades aos novos parámetros, e que sen dúbida algún día sinalará moitas das persoas que hoxe xestionan contido na rede.

O papel singular das persoas vinculadas á edición é, porén, do máis relevante, especialmente polo de ameaza e banalización que ten hoxe o seu traballo. O seu labor na segunda fila da actividade cultural, lonxe dos aplausos, pareceu superflua durante anos. Nunca o foi para os inimigos da cultura: un día coma hoxe de 1936 extremistas asasinaban a Ánxel Casal en Teo. En outubro de 1993, a un dos editores de Salman Rushdie.

Comentarios