A defensa cidadá do Castelo de Monterrei, novo episodio nun escenario de loitas históricas

Arredor de tres mil persoas sumáronse á Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei. Despois de que descubriran os plans para converter o edificio patrimonial en hotel, a veciñanza comezou a se mobilizar para loitar pola conservación e a rendibilidade social do emblema da comarca. 

Castelo de Monterrei
photo_camera Castelo de Monterrei

Foi por casualidade que a veciñanza de Monterrei se enterou dos proxectos que a Xunta tiña para o castelo que é emblema da comarca. Cando algún deles subiu a se interesar polas obras de restauración foi un dos operarios quen lle confirmou que estaban a facer “habitacións”. Saltou entón a alarma que fixo que, en pouco tempo, o propio presidente Alberto Núñez Feijóo tivera que facer público un proxecto até entón agochado: tiñan o plan de que o castelo se convertese en hotel. 

En principio, a explicación foi o traslado do parador -o máis deficitario do Estado segundo Paradores do Estado- ao castelo. Sen embargo, en Monterrei sospeitan que a operación consiste en restaurar o monumento, trasladar alí o parador -que pasaría de máis de vinte a 13 cuartos- e que esa manobra contribúa a capitalizar Paradores do Estado, moi deficitaria, para a súa privatización. En definitiva, a veciñanza teme que se lle “roube” o castelo para pasar en breve a mans privadas. 

"Aseguran que van poñer todas as forzas das que dispoñen para que o ben patrimonial sega a ser de uso cultural e goce da veciñanza".

Desde a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei aseguran que van poñer todas as forzas das que dispoñen para que o ben patrimonial sega a ser de uso cultural e goce da veciñanza. Entre outras iniciativas, aseguran que irán tamén pola vía xudicial, convencidos como están da ilegalidade da operación apoiada pola Xunta. Ao seu favor contan co documento de cese do castelo polo que o Estado traspasaba o monumento ao goberno galego para uns determinados usos, en especial culturais e de promoción de produtos da comarca. O hoteleiro non entra nos usos da cesión. 

“Todo é unha grande mentira. Din que mesmo sendo hotel haberá acceso público mais é fácil saber que iso é mentira. O castelo é o noso símbolo, o que nos tiña que sacar de pobres e esta manobra vai limitar a capacidade da comarca para saír adiante”, sinala Bruno Rúa, un dos membros da Plataforma e activo defensor dun castelo que, para el, tiña que ser o “foco de riqueza para a comarca”. Ao castelo subía de cativo a xogar, forma parte da súa memoria e de toda a veciñanza do val onde se asenta e quere que continúe a ser o símbolo para seus fillos e netos. “Quero que meu fillo goce tamén del, que sexa educativo, nos explique a historia e mesmo o entroido podería estar alí presente”, comenta Bruno Rúa, dunhas festas que teñen especial relevancia na comarca e nas que, dalgunha maneira, a loita pola conservacion do castelo está tamén presente. 

A emoción de defender o noso 

“Gustaríame chamar a atención sobre a emotividade da nosa loita. Quen estivo algunha vez neste val comprobou que o castelo se ve desde todos os puntos. É como un gran irmán que nos vixía. Moitos negocios teñen a súa imaxe como símbolo. O castelo durante moitos séculos defendeunos a nós e hoxe, os antigos servos dos señores, estamos a defender o castelo”, comenta Bruno Rúa. 

"En ningún momento se informou nin á veciñanza nin sequera ao goberno municipal dos obxectivos das obras".

Dous millóns de euros estanse a investir nas obras que arestora se están a realizar no castelo. Proveñen todos os cartos de fondos europeos, maiormente dos Feder. En ningún momento se informou nin á veciñanza nin sequera ao goberno municipal dos obxectivos das obras. De feito, o propio alcalde de Monterrei negou aos medios de comunicación a posibilidade de construír un hotel poucos días antes de que Feijóo confirmara o dato. “En Alemania, cerca de Franckfurt, asistín a un proxecto nun monumento e vin como xuntaron a todo o pobo para explicarllo e contar coa súa opinión. Aquí é todo ás nosas costas”, denuncia Bruno Rúa. 

Desde a Plataforma están a activar accións de mobilizacións mais tamén a elaboración dun plan alternativo para o castelo e todo o seu entorno, contando co asesoramento de especialistas, entre elas a que está recoñecida como maior experta en fortalezas medievais. 

“Somos unha plataforma aberta de verdade. Non somos de ningún partido nin aceptamos que se politice. Nada que impida que toda a cidadanía participe. Trátase dun movemento social no que hai pluralidade de ideas”, explica Bruno Rúa, insistente en defender a independencia do movemento, en especial, despois das primeiras acusacións recibidas. 

Para a Plataforma pola defensa do Castelo de Monterrei en xogo está o seu futuro, a defensa dun lugar emblemático que consideran foco de riqueza para a comarca. Reclaman, por iso, un uso público e cultural para o castelo e a garantía de integridade patrimonial da fortaleza. 

 

Comentarios