Teresa Moure afonda na perspectiva ecolingüística

Defender o galego, cuestión de ecoloxía

Nin o ensino da lingüística debe reducirse á explicación do conflito entre linguas en contacto, nin o argumento en favor dun idioma debe limitarse ao seu número de falantes, nin debemos reivindicar só o dereito a vivir en linguas minorizadas, senón a obriga de coidar a diversidade lingüística porque cada idioma leva implícita unha visión do mundo. Son algunhas das ideas que recolle Teresa Moure en ‘Linguística-Eco-’ (A través), un ensaio no que defende unha visión ecoloxista das linguas. 

bruegel
photo_camera 'A torre de babel', de Pieter Bruegel.

O galego encóntrase, coma o éuscaro e o catalán, entre as algo máis de 500 linguas do planeta -dun total dunhas 6.500, segundo o Ethnologue- que superan o millón de habitantes. As tres linguas cooficiais no Estado español atópanse, desde esa perspectiva, nunha situación privilexiada no conxunto dos idiomas do mundo. Mais ningunha lingua é máis importante ca outras en función do número de falantes. Se escollésemos os idiomas en función dese criterio optariamos por estudar mandarín antes ca inglés, árabe ou hindi antes ca alemán ou xavanés ou telugo antes ca francés. Son algúns dos datos que recolle o ensaio ‘Linguística Eco-. O estudo das línguas no Antropoceno’ (Através), de Teresa Moure, que afonda en cuestións tratadas pola mesma autora na súa obra anterior ‘Ecolingüística. Entre a ciencia e a ética’.

Malia as políticas lingüicidas practicadas polos Estados -a mentalidade que reflicte o mito da Torre de Babel axudou a xustificalas- aínda hoxe fálanse 12 linguas en Suecia ou en Suíza, 25 en Francia, 86 en Canadá, 161 en Australia, 176 en USA, 181 en Brasil ou 438 na India. O mapa lingüístico do mundo é moito máis complexo e diverso do que pode facer crer o predominio, en termos económicos e políticos, dunhas poucas linguas europeas. Ademais, concibir a linguaxe como un instrumento de comunicación é unha postura reducionista, xa que tamén é un sistema de representación do mundo ou un mecanismo de poder.

O exemplo da choiva no caso galego é un estereotipo usado habitualmente para explicar como as linguas constrúen a realidade. Mais -indica Moure- a comparación con outras linguas románicas faladas en terras secas demostra que a nosa non é aí tan orixinal. Aínda sendo certo que o noso discurso afecta á nosa óptica do real, nunha interpretación extrema da hipótese da relatividade lingüística -aclara a autora de ‘Linguística Eco’- a lingua determinaría tanto a visión do mundo dos falantes que non sería posible nin a tradución. Nunha versión máis moderada, deixámonos guiar polas representacións inducidas pola lingua sen vivir presos da estrutura da mesma.

As relacións de poder

Máis interesante quizais é a cuestión das relacións de poder entre linguas, ocultadas pola tese do “bilingüismo harmónico”. Independentemente de que as persoas, individualmente, poidan aprender varias linguas, en termos sociais -lembra Moure- o caso galego non é comparable por exemplo ao de Suíza ou outros exemplos de convivencia de comunidades monolingües asociadas con lazos de entendemento mutuo. Nin é semellante ao dos países nórdicos, nos que a poboación fala inglés como segunda lingua sen ver ameazada a súa, amparada polo Estado.

Na Galiza, recuperar a dignidade para a lingua propia sería o primeiro paso para construír unha sociedade plural e diversa

Na Galiza, recuperar a dignidade para a lingua propia -asegura Moure- sería o primeiro paso para construír unha sociedade plural e diversa na que, ademais, poderiamos cultivar as linguas da poboación inmigrante como o árabe ou o curdo. Porque plurilingüismo é “respeitarmos as minorias que cohabitam connosco, e não simplesmente nos rendermos ao imperialismo autoritário com o critério da suposta utilidade prática”.

Neste sentido, a análise de Teresa Moure non se afasta da recollida en obras publicadas nos últimos anos como ‘Sobre o racismo lingüístico’, coordinado por Pilar García Negro ou ‘Lingua e futuro’, editado por Goretti Sanmartín, no que tamén se apuntaba unha perspectiva ecolingüística. Mais a autora de ‘Linguística Eco’ subliña que, máis alá da reivindicación do dereito dos pobos a viviren na súa lingua, trátase do deber de protexer a diversidade lingüística e dunha restitución histórica da voz dos dominados, é dicir, dunha cuestión de xustiza.

Mais o galego non é, nin moito menos, a única lingua en perigo do mundo e o enfoque de ‘Lingüística Eco’, ademais de divulgativo -contén propostas de exercicios- é internacional, sendo abondoso en exemplos que corresponden a diversas partes do mundo. Así, un dos problemas presentados polos atlas das linguas é que non vinculan algunhas -as consideradas “indíxenas”, porque as hexemónicas serían as “normais”- cos seus referentes cultos (científicos, políticos, artistas…), contribuíndo así ao seu desprestixio social.

O eurocentrismo

A lingüística é unha disciplina “marcadamente eurocêntrica”. En relación con isto, Moure cita o pensador iraniano Hamid Dabashi, que denuncia como os europeos distinguen entre a “filosofía”, que sería a deles, e as curiosidades etnográficas, xa que “porque é que filosofia europeia é “filosofia”, mais a africana é “etnofilosofia”?”. A pesar de que ás veces se produza unha actitude compensatoria do sentimento de culpa polo pasado colonial atribuíndo aos “indíxenas” características estereotipadas como a espiritualidade ou a conexión coa natureza.

Ningunha lingua esmorece de xeito natural, senón como resultado da desigualdade nas relacións de poder

Ningunha lingua, en calquera caso -salienta Moure- esmorece de xeito natural, senón como resultado da desigualdade nas relacións de poder: intereses políticos e económicos, sobre todo. E calquera persoa pode loitar contra esa perda de diversidade fomentando o intercambio cultural ou aprendendo sobre as linguas minoritarias. Porque, se cada lingua leva implícita unha cosmovisión, a morte de calquera idioma é a desaparición dun xeito de ver o mundo, é dicir, unha catástrofe en termos ecolóxicos.

Nas linguas tibeto-birmanesas, nalgunhas balcánicas ou no xaponés clásico o falante ten que especificar unha categoría que indica o grao de evidencialidade do que está afirmando, é dicir, en que medida poden asegurar se o que di é ou non verdadeiro. No luiseño, unha lingua amerindia de California, os verbos usan lexemas diferentes non só se a acción ten un axente individual ou colectivo, senón tamén se os membros do axente colectivo realizaron a acción xuntos ou non.

A partir diso, indica Moure, poderiamos preguntarnos que pasaría coa filosofía se Aristóteles falase luiseño… ou navajo, xa que nesta lingua os substantivos non teñen xénero, non hai preposicións pero si posposicións e o verbo ten máis de tres persoas. A lóxica, polo menos, tería mudado. E -conclúe Teresa- igual que unha antropóloga non pode quedar tranquila sabendo que van tirar unhas nenas a un volcán para aplacar un Deus, mesmo que elas o aceptasen, ninguén debera permanecer neutral ante a perda da diversidade lingüística. Non só porque teñamos dereito a restituír os nosos dereitos como falantes de linguas minorizadas, senón tamén porque temos a obriga de devolverllos a quen aínda non se fixo consciente da súa perda.   

Comentarios