O decreto de empréstito pon contra as cordas a máis de 100 bibliotecas municipais

A Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipaisde Galicia reafirma que non pode facer fronte a ese custo e teme que o que se procure sexa unha privatización encuberta.

Biblioteca escolar

O goberno español inaugurou as vacacións de agosto publicando un decreto polo que se fixa unha taxa para as bibliotecas a pagar por cada libro que se preste e cada usuario que se teña. Unha decisión que impacta de cheo nas bibliotecas municipais. Segundo a Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia, a medida é todo un “mazazo”, segundo recolle La Voz de Galicia.

En declaracións neste xornal, cifran en 113 as bibliotecas municpais que van estar en xaque con este decreto (a maioría delas nas provincias de Coruña e Pontevedra). Desde esta asociación lémbrase que as bibliotecas veñen sofrendo desde hai anos recortes nos orzamentos, polo que ter que pagar esas taxas ven ser unha nova volta de porca nas contas. Segundo contan en La Voz, pagar as cantidades que lles obriga o decreto suporía destinar até un terzo do seu orzamento para adquirir libros e facer actividades a esas taxas.

Entre os e as bibliotecarias existe a sensación de que o goberno español está a procurar unha privatización encuberta desta servizo. Por mor da crise, nestes tres anos o servizo de empréstito de libros aumentou un 15%.

Comentarios