Os debuxos de Carlos Calvo brincan desde a cela ás paredes de 11 locais de 7 localidades galegas

Os deseños que o preso independentista enviou en cartas a familiares e amigos conforman a mostra '25/2015', que se inaugura o 1 de setembro e poderá verse en Laracha, Ordes, Vigo, A Coruña, Ferrol, Compostela e Lugo.

Carlos Calvo 2

Carlos Calvo leva preso desde setembro de 2012, vai para tres anos. Un período entre reixas que levou a este independentista a pasar por sete prisións españolas, estando actualmente na de Villabona (Asturies).Durante ese tempo, Carlos Calvo fixo centos de debuxos e deseños que ao longo destes meses enviou en cartas a familiares e amigos. Parte deses traballos pasan agora a se expor en sete localidades e cidades galegas nunha mostra denominada '25/2015', referencia ao número da última sentenza provisional da Audiencia Nacional que o condenou a 7 anos de cadea.

“A exposición pretende chamar a atención sobre a situación na que se atopa el, encarcerado a centos de quilómetros da súa casa e pendente do recurso no Tribunal Supremo no que se reclama a súa absolución”, sinalan desde 'De Volta para Loureda', o colectivo solidario con este preso independentista.

Once locais inaugurarán o vindeiro martes 1 de setembro unha exposición simultánea de debuxos de Carlos Calvo Varela. A mostra poderá verse durante todo o mes en varios puntos da xeografía galega. Así, estará á vez en Ferrol (Ateneo Ferrolán), A Coruña (Centro Social Gomes Gaioso e Ateneo Libertario Xosé Tarrío), Santiago de Compostela (Centro Social Gentalha do Pichel, Taberna O’Pozo, As Dúas S. Cooperativa Galega e Café/Bar Caldeirería 26), Vigo (Bar De Catro a Catro), Lugo (Centro Social Madia Leva), A Laracha (Barbería de Masús) e Ordes (Bar Orellas).

Todos os debuxos expostos poderán ademais adquirirse. En total, a mostra 25/2015 está formada por 60 debuxos diferentes de Carlos C. Varela e de cada un deles hai dúas copias. Cada un dos 11 espazos participantes na mostra expoñerán un total de dez debuxos, de xeito que ningún dos locais terá nas súas paredes exactamente as mesmas obras que outro.


 

Comentarios