A 'nadaliña' de Pepe Barro

Debuxar jazz a pé de palco

O lapis realiza a función do instrumento musical. Esvara polo papel nunha sorte de transo inducido. A pé de palco, o deseñador Pepe Barro (Pontedeume, 1955) intepreta o que escoita coa súa propia linguaxe: o debuxo. O jazz materialízase en retratos fuxidíos, de esguello, como cazados por sorpresa. Os que conforman o seu particular agasallo de fin de ano, Caderno de jazz.
 

Caderno de jazz - Pepe Barro 1
photo_camera L. A. R. Legido e Lucía Martínez no 'Caderno de jazz' de Pepe Barro. Foto: Laura R. Cuba.

“É apenas un divertimento”, explica, “eu sempre debuxei, pero de xeito máis repousado. Quixen ver que saía a pé de palco”. Saíron 13 rostros de 13 músicos, capturados en lugares míticos para o jazz galego como o Filloa ou o Garufa, da Coruña, o Teatro Colón da mesma cidade e o Círculo das Artes de Lugo. Os saxofonistas Wayne Shorter ou Lee Konitz, as pianistas Carla Bley ou Abe Rábade, ou o batería L.A.R. Legido son algúns dos protagonistas do Caderno de jazz, apenas unha reducida escolma dos cadernos de debuxo de Barro.

Ao autor préstalle colocarse ao carón do escenario. “Esquezo o que estou facendo e sinto a música”, acerta a resumir. E lembra os consellos de Matisse a respecto do debuxo, que gusta “modestamente” de atender: “Dicía que había que debuxar moitas veces o modelo ate sentir solto, máis libre”.

Como aquelas Figuraciós que Luís Seoane atrapaba na vida cotiá da metrópole -exiliado en Bos Aires-, Pepe Barro improvisa os seus deseños en tempo real. “Mais el facía trampas”, ri, “porque os seus retratos non tiñan que imitarlle a ninguén. Os meus teñen modelo. Ademais, envieillo a case todos eles”. Os retratos de Seoane eran de xente anónima, as que poboan a cidade. Os de Barro son dalgúns dos músicos de jazz en activo máis importantes.

Mais a sombra de Seoane non remata aí. O deseñador gráfico -responsábel, por exemplo, da maqueta do semanario Sermos Galiza- denomina o seu Caderno de jazz coa palabra “nadaliña”. “Usábana Díaz Pardo e Seoane. Non sei se a inventaron eles ou xa a usaba Camilo Díaz, pero a min gústame”, di sobre a súa particular felcitación de inverno, que arriba aos seus amigos vía postal. “Iso forma parte do agasallo, sobre todo agora que só recibimos por correo comunicacións do banco”, conclúe.

Comentarios