Debate 2x5 no Sermos247

Debe vir para Galiza ‘A derradeira leición do mestre’ de Castelao?

O Guernica galego, A derradeira leición do mestre, o impresionante óleo de dous metros de altura co que Castelao homenaxeou o seu amigo Alexandre Bóveda, está nas dependencias do Centro Galicia de Bos Aires. Xuntamos a María Xosé Porteiro (delegada da Xunta na Arxentina durante o bipartito) e a María Pilar García Negro (profesora da UDC e especialista na vida e obra de Castelao) para discutir sobre o destino ideal desta obra. Eis un extracto do debate íntegro, publicado no semanario.

[Imaxe: Cintia París] María Xosé Porteiro e María do Pilar García Negro
photo_camera [Imaxe: Cintia París] María Xosé Porteiro e María do Pilar García Negro

Sermos Galiza. A derradeira leición do mestre debería estar onde está agora mesmo, no Centro Galicia de Bos Aires ou debería estar na Galiza? A cuestión pode estenderse tamén ao resto do patrimonio na diáspora...

María Xosé Porteiro. A miña posición baséase no respecto que lles debemos ás persoas que tiveron que marchar conservaron un patrimonio cultural tan importante. E non me refiro só a este lenzo. Hai que ter en conta que ese patrimonio, que foron depositando nos centros galegos xeracións e xeracións de galegas e galegos, non o roubaron. É dicir, non é froito dun despoxamento previo, senón que eles crearon o seu propio patrimonio material. E logo foi tamén o lugar onde se fixo moita obra grazas á liberdade que se disfrutaba, xa que aquí non se podía facer. É o caso de Blanco Amor, por exemplo. Entón, desprazar isto para Galiza, que sentido tería? Primeiro, é imposíbel desprazalo todo. Segundo, que criterios se segue? Terceiro, por que privar a persoas -que son galegas- e desposuílas dun patrimonio que eles mesmos atesouraron e que están a conservar? E logo, porque nos lembra a nosa historia recente. Que isto estea onde está impide que esquezamos o que foi a barbaridade da emigración para o noso país.

6

SG. Pilar, ti fuches ao Centro Galicia e non che resultou fácil poder ver o cadro.

Pilar García Negro. Si, por dúas veces. Está sen musealizar en absoluto, está recluído. Entón, sabendo previamente del, as galegas e galegos de alá, que son igual de galegos que nós, teñen todo o dereito do mundo a saber que iso forma parte da súa historia. Pero non o coñecen en absoluto. Hai que petar na porta dos responsábeis. A primeira vez que o vin custou moito e a segunda mellorou moitísimo a súa instalación. Estaba nunha sala moito máis iluminada e con outras pezas de Castelao, pero igualmente encerrado. E tamén no mesmo edificio hai obra de Luís Seoane que está moi mal exposta.

[Podes ler o debate íntegro no Sermos Galiza 246, á venda na nosa loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios