Xornada do CCG en liña para a quinta feira

O debate da comunicación científica no tempo da Covid

“A comunicación da ciencia en tempos de pandemia” é o título da próxima xornada do Consello da Cultura Galega (CCG), que terá lugar a vindeira quinta feira, ás 18 horas, de modo telemático. 
ccg_pandemia
photo_camera Imaxe da xornada que recolle unha oficina de Nova York en 1918. (Foto: College Park)

Coordinada pola xornalista Iolanda Casal, a xornada “A comunicación da ciencia en tempos de pandemia” consistirá nun debate, no que participarán o filósofo e matemático, Javier Echeverría; a divulgadora científica, Pampa García; Gema Revuelta, da Universidade Pompeu Fabra; e a neurocientífica Sonia Villapol.

O evento retransmitirase en directo a partir dos relatorios gravados de cada unha das persaos convidadas e que estarán dispoñíbeis desde mañá no portal do CCG.

Mentiras que se fan virais nas redes sociais, informacións erróneas ou novas nesgadas que responden a distintos intereses son algunhas das cuestións a tratar nestas xornadas que afondan nas luces e as sombras da información científica, tomando como partida a situación de emerxenciA xerada pola pandemia da Covid.-19. 

Conceptos como “infodemia” e “tecnociencia”, a aposta internacional polo coñecemento en aberto “na procura de acelerar a obtención de resultados contra esta doenza” e as dificultades do día a día do xornalismo científico “e a responsabilidade social deste oficio” son cuestións que saen á palestra hoxe mesmo, a través da publicación dos relatorios na web do Consello, e das que se tirarán conclusións no evento da quinta feira.

Sección de ciencia, natureza, tecnoloxía e sociedade

A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, que está coordinada pola profesora de Matemática Aplicada da USC (Universidade de Compostela), Elena Vázquez Cendón. 

Entre as súas áreas de actuación está a de elaborar materiais e recursos didácticos, como o proxecto “Álbum da ciencia”, unha base de datos con biografías de científicos e científicas galegas, ou a publicación de bandas deseñadas. 

Entre as súas actividades destacan informes como A divulgación da ciencia na Galiza, que compila a variedade e a “calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico”. Ángel Carracedo, Jorge Mira ou Marilar Aleixandre son algúns dos membros desta sección.

Comentarios