martes 25/01/22

Francia como modelo de política audiovisual, no primeiro debate da campaña na Galiza

O primeiro debate da campaña galega foi audiovisual e enfrontou as ideas para o sector de cada formación. Todos reclamaban o modelo francés agás o PP que dixo que son os galos os que envexan o modelo español e non ao contrario. 

Debate organizado pola AGA

O debate, organizado pola Academia Galega do Audiovisual, tivo lugar na Facultade de Xornalismo e foi emitido en streaming, podendo participar e preguntar aos presentes a través de internet. E aínda que prometía primeiros espadas dalgunhas formacións aos que deveciamos por ver xuntos, houbo que agardar a mellor ocasión. Tampouco puidemos coñecer as opinións de Ciudadanos, que non asistiu á cita. 

Polo PP acudiu Juan de Dios Ruano, que defendeu a xestión popular e achegou datos das melloras do consumo cultural, así como o freo en seco da pirataría. No apartado de promesas, falou de nova Lei do Cine para reducir o 15% dos gastos financeiros dos produtores. 

Pola banda do PSOE, Ricardo García Mira propuxo seguir o modelo francés de promoción do audiovisual propio e de excepcionalidade cultural, primando os criterios culturais e non comerciais. Propuxo a redución do IVE até o 4% e tamén a recuperación do ensino artístico nas escolas (incluída a cinematografía), ademais dun programa especial para promover o cinema realizado por mulleres. 

Nós reclamou un IVE do 4% para a cultura e En Marea, a creación do Ministerio de Cultura e Comunicación

A actriz Isabel Risco foi a representante de Nós Candidatura Galega, que reclamou un IVE do 4% para a cultura e para os produtos de primeira necesidade, e chamou a considerar o cultural un sector como o gandeiro ou o pesqueiro. Asemade, reclamou a desaparición do Ministerio de Cultura e a creación dun Consello Superior do Audiovisual que controle o reparto de axudas: “os cartos rematan nas mans dos de sempre, non hai igualdade nin transparencia no reparto”. Alén disto, volveu tamén os ollos a Francia para pedir que se imparta teatro nas escolas e reivindicou o traballo do bipartito no sector audiovisual. 

Por último, Ángela Rodríguez, de En Marea, propuxo a creación do Ministerio de Cultura e Comunicación e reclamou a rebaixa do IVE cultural, así como destinar o 18% do que se recaude por impostos de caracter cultural ao sector. E unha Lei de Mecenado que leva anos atascada.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Francia como modelo de política audiovisual, no primeiro debate da campaña na Galiza
comentarios