Dúas propostas artísticas levan o tempo a imaxes e destacan o poder evocador da fotografía

Parar o tempo en imaxes, captar un instante para a evocación a través da fotografía. Carmen Carreiro e Emilio Villar achegan a súa forma de captar o tempo a través da cámara. Até o día 24 de setembro a sala de exposicións do palacio de Turismo Rías Baixas en Pontevedra mostra dúas maneiras artísticas para parar o tempo, recoller a memoria en imaxes e traer o pasado ao presente cunha emocionada melancolía.

“O tempo ten un nome”. O poema de Celso Emilio Ferreiro serve de preludio para nos achegar a obra exposta de Carmen Carreiro e Emilio Villar, reunida para falar do paso do tempo, das imaxes do pasado que chegan ate hoxe, da memoria que se agocha na evocación das fotografías. 

“O tema que tratamos e que unifica todo é o paso do tempo, as nostalxias, as historias, o que nos deixa, o que nos leva e tamén como nos achega a un final que aínda que non nomeamos, todos coñecemos” explica Carmen Carreiro, autora dunhas imaxes na que os obxectos se volven especialmente evocadores do pasado, en cores nas que a gama que rodea ao sepia predinuba.


O branco e negro é a marca do traballo de Emilio Villar, ausencia de cores que nos remite ao propio pasado da fotografía. Con influencia dos clásicos do cinema ofrécenos nesta exposición o seu traballo en analóxico,co tratamento das imaxes propias do século XX, onde cinema e fotografía emerxían en branco e negro. Cunha orixe nas artes gráficas e o manexo do tratamento fotográfico nese sector, Emilio Villar ten exposto en numerosas salas nos inicios da súa cidade de Vigo e, con posterioridade, en salas galegas e portuguesas. A obra que expón en “O tempo ten un nome” leva a súa sinatura de comezo a fin, desde que o instante é captado a través do obxectivo até que el mesmo se sorprende no cuarto de revelado, onde traballa as posibilidades artísticas da fotografía. Desde o 2008 achégase tamén á fotografía dixital pero a obra exposta nesta ocasión forma parte dos seus primeiros tempos creativos. 


Se Emilio Villar chega á fotografía desde as artes gráficas, Carmen Carreiro ven da pintura, de se formar na súa mocidade arredor do estudo do pintor arxentino afincado en Vigo Castro Couso, participando no grupo artístico Abracadabra. Despois dun tempo afastada da creación artística, Carmen Carreiro retorna anos despois para desenvolver a súa creatividade por medio da fotografía con mostras individuais e colectivas en diversas salas. 


Non é esta a primeira vez que as propostas artísticas de Emilio Villar e Carmen Carreiro se mostran conxuntamente. Os seus nomes xuntáronse xa en exposicións de Vila Nova de Cerveira, Balneario de Mondariz, Auditorio de Vilagarcía ou a Casa das Artes de Arcos de Val de Vez. Neste caso a cor e o branco e negro son signos diferenciais de cada un dos artistas, que se achegan nesta iniciativa a dúas maneiras de evocar o pasado ou traelo ao presente.

Comentarios