Davide Salvado: “Son un produto da tradición”

Davide Salvado é unha explosión musical que non pasou desapercibida ao xurado que selecciona as propostas para Womex. En vinte anos, é o segundo galego en participar na selección oficial, despois de Mercedes Peón. Defínese visceral, salvaxe e tradicional. 

Davide Salvado
photo_camera Davide Salvado

Provocador e moderno, Davide Salvado vive apegado á tradición, na súa música e na súa forma de estar no mundo. Despois do primeiro traballo en solitario, Árnica pura, e o espectáculo O Ladrón de Amorodos está a preparar un segundo disco en solitario e outro xunto con Cristina Pato. 

-Que supón ser seleccionado para a sección oficial de Womex14? 

Un recoñecemento a miña carreira por xente de fóra, que, para min, é un luxo. De aquí xa agardo moi pouco, o único bo é o público.  Estar en Womex é unha nova motivación para seguir adiante. A nominación alegroume moitísimo, a nivel artístico pódeme abrir portas fóra. 

-Vostede é o segundo artista seleccionado na historia do Womex, despois de Mercedes Peón. 

Nos vinte anos de Womex fomos os únicos artistas galegos seleccionados e para min é unha honra estar no lugar no que estivo Mercedes. Tamén unha alegría porque xa vimos todo o que despois ela fixo tamén fóra. 

"O feito diferencial de Galiza é ese, alguén que toque a pandeireta e cante. O resto pódese atopar en calquera parte". 

-Comparten o aprecio pola tradición. É o que podemos ofrecer no panorama internacional e o que atrae nunha convocatoria como a de Womex?

O que observo é que gusta esa parte arcaica, a pandeireta e a voz. Dentro valoramos outras cousas mais fóra a xente alucina coa nosa música máis tradicional. O feito diferencial de Galiza é ese, alguén que toque a pandeireta e cante. O resto pódese atopar en calquera parte. 

-Quen non o coñece e o ve subir a un escenario non agarda que da súa voz saia toda a nosa tradición musical...

Entendo a música dunha maneira orgánica. Gravo nas aldeas e interpreto. Teño una forma de interpretar moi romántica, pasional, de dentro. Son visceral. Teño un respecto absoluto pola cultura da nosa terra, popular. Vivo no rural e traballo unha horta, como antes, con cabalos e cabras.

-Creo que vive en Gaxate, unha parroquia do interior de Pontevedra, concello da Lama.

Vivo en Gaxate e vivín en Ventín, parroquia de Fornelos. Gaxate é unha aldea marabillosa, con casas indianas fantásticas e eu teño a sorte de vivir nunha delas. Son un esteta e gústame a beleza das cousas. Non podo vivir nun sitio que non me gusta, estou incómodo. Pode parecer frívolo mais non o é, trátase dunha maneira de sentir. Levo todo como son, na vida artística e na real.

-Entón a tradición non está só na súa música senón tamén na súa forma de vivir?

Non podo separar unha cousa da outra. Dou cursos de fía, de cestería, de agricultura, respecto a terra e a lingua. Interésame o folclore e non só iso, senón o xeito de vivir galego, da maneira máis antiga. Procuro moverme a cabalo, fago cestos... mais con moita naturalidade. Non son fundamentalista, mais gústame ser orgánico.

"Estaba a facer unha ruta a cabalo por Asturias, púxenme a cantar e a muller dixo que era "árnica pura" e que xa lle pasaran todas as dores. Encantoume". 

-Teme que esa maneira de vivir tradicional desapareza?

Non sei se se perde, evoluciona ou involuciona. Eu estou en paz comigo e a miña cultura aínda que menos en paz coas políticas territoriais. A nivel persoal vivo moi ben, como quero e con quen quero, sen limitación. Son feliz así, no entorno máis rural. Teño amigos e amigas que traballan a terra e viven deste mesmo xeito e canto moito no rural. Se á xente maior non lle chamo músicos tamén eu non o son. Son un produto da tradición.

-Produto da tradición mais ninguén dubidaría da súa contemporaneidade e a súa modernidade.

O que acontece é produto da naturalidade, de vivir de maneira natural, no entorno que temos, sen perder a vista de por que somos así, por que culturalmente somos desta forma. Fíxome no pasado positivo. Tento mesturar todo para que non se perda, o bo do pasado e o bo do presente. Intento non contaminarme do malo que nos rodea. 

-Esa é unha maneira moi positiva de estar no mundo. 

Son moi optimista. Todo o que acontece é por algo bo, mesmo cando cae unha hostia é por algo positivo. Sempre que me pasou unha traxedia despois veu algo bo que a superou. Sempre fun a mellor e penso que igual se non pasara esa desgracia non viría esta marabilla. 

-Con toda esa filosofía da vida, non lle dou preguntado por O ladrón de amorodos, o seu último espectáculo. Dígame por que escolleu ese nome tan particular para proxecto de música tradicional?

Un amorodo é algo exquisito, riquísimo, perfecto e case sen evolucionar. Hai amorodos por toda Galiza e para min é unha metáfora do máis fermoso da música, da cultura. Vou roubando o máis rico e son eu quen o como. Quixen recoller o salvaxe perfecto, que encontro en cada lugar do noso territorio. 

-Como compón con ese material un espectáculo “salvaxe”? 

Moi simple, como o propio folclore galego, e fermoso. Só hai dous músicos e canto coas letras e melodías tradicionais. Non compoño nada. É de corazón, moi visceral. 

-Árnica pura foi o seu primeiro traballo en solitario e o propio título era, en certa maneira, unha declaración de intencións. 

A árnica é moi curativa e nunha ocasión, unha muller utilizou esa metáfora para a miña voz e a min pareceume fermosa, como se fora a voz dun santo. Estaba a facer unha ruta a cabalo por Asturias, púxenme a cantar e a muller dixo que era "árnica pura" e que xa lle pasaran todas as dores. Encantoume. 

-O do cabaret xa é cousa do pasado? 

Non me dedico ao cabaret mais os meus espectáculos continúan a ser algo duros, un bocado ácidos. Naquel momento estaba máis contestatario, mais sempre conservo o regusto acedo, como os amorodos.

Comentarios