Davide Salvado, cabeza de cartaz de Pardiñas

É o festival máis antigo do país e leva 38 anos ininterrompidos enchendo Guitiriz en agosto de propostas culturais e lúdicas. Volve Pardiñas do 4 ao 6 de agosto cun amplo cartaz musical e con moitas actividades paralelas. 

pardiñas2
photo_camera Davide Salvado na presentación do Festival de Pardiñas

O Festival de Pardiñas programará entre o 4 e o 6 de agosto un completo cartaz que contempla música en directo, concursos de debuxo, mostras de artesanía e de instrumentos tradicionais e até un certame de cantos de taberna. 

Este festival non só é especial pola súa lonxevidade, senón tamén porque, segundo eles, é o único organizado ao 100% por unha asociación sen ánimo de lucro, Xermolos, que dirixe Alfonso Blanco. Trátase dunha cita na que se involucra toda a vila e onde todos os traballos son levados adiante por voluntarios. 

Este festival non só é especial pola súa lonxevidade, senón tamén porque, segundo eles, é o único organizado ao 100% por unha asociación sen ánimo de lucro, Xermolos

Pardiñas comezará o 4 de agosto -sexta feira- coa celebración do V Certame de Cantos de Taberna, que funconará como pistoletazo de saída para unha fin de semana que combinará música, artesanía, tradición e innovación.

O sábado pola tarde abrirá as portas a mostra de instrumentos de música tradicional e a mostra de artesanía, ademais de ter lugar a carreira popular. E, pola noite, logo do pregón a cargo de Antón Corral, subirán ao escenario Bloquinho de Xermolos, Os Melidaos, Quique Escamilla (Mexico), Kalakan & Luis Peixoto (Euskadi/Portugal), Cúig (Irlanda) e Skandalo GZ .

A festa rematará o domingo, con pregón de Fina Casalderrey e cos concertos da última noite, con Abóbriga, Davide Salvado, Yves Lambert Trío (Canadá) e Sacha na Horta.
 

Comentarios