David Vázquez: "Para min, as salvadoras do rural son as persoas que naceron aí e que resisten"

David Vázquez, director, está detrás de O último de Arganeo, un documental que segue a vida de Edilberto Rodríguez, nado no concello cabreirés de Benuza (León). Vázquez relata a vida deste rapaz de 24 anos que loita por recuperar o oficio de pastor xunto coas cancións e tradicións propias e que, como el di, “é un rapaz que se move moitísimo e ao que segue moita xente nova”. 
O último documental de David Vázquez, 'O último de Arganeo', acumula xa unha ducia de galardóns (Foto: Nós Diario).
photo_camera O último documental de David Vázquez, 'O último de Arganeo', acumula xa unha ducia de galardóns (Foto: Nós Diario).

O último de Arganeo vén de recibir o premio Biosfera no Menorca Doc Fest. Como xurdiu esta historia?

Con este xa levamos unha ducia de galardóns, é un traballo que está dando moita satisfacción. Aliás, neste caso na final estaba unha directora que despunta moito na Galiza e outro documental que o ano pasado gañara o Goya. E precisamente dous dos outros festivais nos que estivemos eran de preselección para ese premio, así que aínda lle queda bastante percorrido.

Coñecín a Edilberto porque el está recuperando o entroido na súa zona, nós fixeramos un documental sobre o entroido ribeirao e nunha proxección faláronme del. Encantoume a súa filosofía e chamoume moito a atención a súa idade, porque nese momento el tiña 22 anos.

Cando falamos conectamos moi ben desde o primeiro momento; eu tamén son fillo de labregos, teño unha pequena viña e traballo na terra, entón gústame moito a xente que coida de todo isto. Ao comezo non lle facía moita graza a historia, mais acabou dicindo que si e alá marchamos, na época de pandemia, para estar na montaña, vivindo como el vive. Tampouco sabíamos moi ben que ía pasar con todo iso porque eu fago as cousas un pouco ao revés: vexo unha historia que me gusta, comezo a traballar nela e cando xa a teño gravada e vexo que vai adiante é cando comezo a buscar financiamento.

Teño gravado cousas que nunca saíron porque non me convenceron. Sobre todo no documental ten que fluír a historia e se non hai unha conexión entre o equipo e a xente non fas nada. Estamos falando da súa vida, entón se Edilberto non se tivera aberto e non fora sincero o que fixemos non valería para nada. E por sorte non foi o caso. 

É unha historia común, a do despoboamento do rural.

O que corresponde con esa parte si. A outra parte, a loita dun rapaz novo, é difícil de atopar por desgraza. Agora está moi de moda a xente que vén de grandes cidades ao rural e inclusive nos medios de comunicación aparece como a salvadora do rural. Para min, as salvadoras do rural son as persoas que naceron aí e que resisten e todo o demais son parches, que benvidos sexan cando son coa intención de conservar as cousas. Logo está a xente que vén cunha actitude depredadora, a gañar cartos cos seus negocios e nada máis. As persoas como Edilberto que alén rescatan tradicións a piques de perderse son palabras maiores.

Tamén é certo que quen vén de fóra non ten ese poder porque tampouco ten ese coñecemento, e por iso eu quero reivindicar tamén estas figuras, porque parecen as esquecidas. Na miña maneira de velo estanse enfocando mal as cousas: ás veces dáselle unha importancia extrema a quen non a ten, porque ao fin e ao cabo a xente que vén para montar un negocio de turismo rural é porque ten cartos, o mérito tampouco é tan grande.

A noticia debería ser que puideron vir e montar algo grazas á xente que traballou por manter en pé a aldea.

Tamén é moi salientábel o uso que fai Edilberto Rodríguez do cabreirés.

Evidentemente, volvemos ao mesmo: a importancia das persoas que viven nos lugares e de coidalas. El séntese cabreirés e mentres el viva esta maneira de falar vai permanecer, por iso tamén me gustou facer esta historia.

Normalmente enfocámonos na experiencia e sabedoría das persoas maiores, porque é certo que teñen moito para contar, mais por desgraza non teñen tanto tempo e todo iso vai marchar con elas. Unha persoa que ten 24 anos e que se preocupa por manter vivo este tecido garante moitos anos, porque ademais Edilberto é un fenómeno para mobilizar persoas. Ten un grupo de baile que anda por toda a Cabreira; é un rapaz que se move moitísimo e ao que segue moita xente nova: falamos do futuro. 

Comentarios