Cultura

David Rubín crea un Superman "co poder máis importante" agora coa COVID-19 "e sempre"

O artista ourensán participa no proxecto Los héroes siempre vuelven de ECC Cómics, que sitúa a superheroes diante da pandemia do coronavirus. A historieta de Rubín poderá collerse gratis cando abran as librarías. 
Detalle da historieta de David Rubín (ECC).
photo_camera Detalle da historieta de David Rubín (ECC).

O artista ourensán David Rubín di que non sempre hai que estar preparado para o que vén, aínda que para un autor de cómics o confinamento non é algo demasiado novo... Desde a súa casa leva dez anos creando historias nas que agora tamén aparece a enfermidade COVID-19

En plena pandemia, Rubín fixo a súa primeira historia con Superman. Un Superman sen superpoderes ao uso, todo o contrario, cun poder accesíbel a todas as persoas. "A empatía é o superpoder máis importante agora e sempre, sen ela agora estaríamos nunha peli de Mad Max", asegura o autor a Nós Diario

O fío conductor da historia é Superman, pero a protagonista é unha muller que traballa como caixeira nun supermercado á que lle acontecen unha serie de circunstancias polas cales vese repudiada e, a partir de aí, entra en escena o mítico superheroe.

"Non hai acción porque non se pode loitar contra inimigos como un virus invisíbel e a hipocrisía e falla de empatía de moitos seres humanos. Entón, como contra iso Superman non ten un superpoder, utiliza outro medio que é a empatía, a capacidade de pórse no lugar do outro. Así, reconforta á protagonista, que se ve repudiada", conta Rubín.

"Superman é un icono tan arquetípico, tan puro, que simboliza con absoluta claridade valores como a honestidade, a verdade e a empatía. Grazas a iso serve de fío conductor para apoiar ao débil e dar exemplo aos que están a facer as cousas mal", relata.

"Hai tanta xente que nestes momentos actúa con hipocrisía: criticando aos veciños, deixando notas a sanitarias e caixeiras para que non volvan ás súas casas... pero despois saen ás oito a aplaudir. Os mesmos que despois votan aos que recortan en sanidade", critica.

Só nas librarías

Empatía e autocrítica son fundamentais para Rubín nestes momentos, que fai un chamado á reflexión sobre o papel de cada un na sociedade. "Quería que a xente parara a pensar tres minutos en que papel está a xogar", sinala, porque "ás veces deixar facer e non poñer paus nas rodas é axuda suficiente", debulla.

O cómic de Rubín forma parte de Los héroes siempre vuelven, o proxecto ideado pola editorial de cómics ECC, que ten os dereitos dos superheroes da estadounidense DC Comics en España. A intención era que cada autor crease unha lámina falando da COVID-19 empregando un destes personaxes, como fixeron os artistas Mikel Janín, Jesús Merino e Paco Roca, que apostou polo mítico Batman. Mais ao galego xurdiulle unha idea que finalmente rematou convertida en historieta. 

LosHeroesSiempreVuelven

O obxectivo é darlle á xente un alicerce máis para acudir ás librarías cando poidan abrir. "Só con entrar nunha libraría xa cho darán", celebra Rubín, que avoga por agardar polos libreiros e libreiras e non acudir a plataformas como Amazon "que están a destruír o pequeno comercio". 

Ao comezo do estado de alarma, o galego xa quixo colaborar a prol da Cultura e, xunto á editorial Astiberri, liberou a edición dixital do seu cómic El héroe, no que revisa o mito do grego Heracles, fillo de Zeus. "Quería contribuír a que a xente levase mellor o confinamento e que puidera acceder ao cómic de maneira legal", explica. 

Para Rubín é esencial que lectoras e lectores agarden polas librarías para facer alí o gasto e nese sentido se enfocan as súas accións neste confinamento que se achega aos dous meses. "As librarías son un piar básico para a industria do cómic", destaca. 

"Xa perdemos o Salón do Cómic de Barcelona, varias feiras do libro, o Sant Jordi... son momentos de ventas moi grandes. Moitas editoriais e librarías practicamente arranxan o ano enteiro de marzo a maio. A perda económica e persoal con esta crise é grandísima, é un tapón enorme para o sector cultural", lembra o ourensán.

Nova novela gráfica

O coronavirus colleu a Rubín inmerso na súa nova novela gráfica para o mercado español, unha historia que se titulará El fuego e que atopou acubillo na editorial Astiberri. "Este ano tiña planeado dedicalo a isto e xa aforrara os últimos anos para poder facelo, mais contaba con facer outras cousas que agora están paradas", conta.

"Considero que se queremos ter algún día unha industria forte do cómic hai que comezar por xerar obra propia aquí, xerar copyright, e que logo o merquen outros países. Por iso, aínda que gaño moito menos por facer unha novela gráfica para España que por facer un tebeo de vinte páxinas para os EUA nunha serie, penso que é importante arrimar o ombreiro polo meu propio mercado", reflexiona Rubín.

Comentarios