Contracultura

David Rubín: "En 'Cosmic detective' mestúrase o xénero negro e policial dos 40 cunha ciencia ficción cósmica"

David Rubín, ilustrador, pon as mans que están detrás das viñetas de 'Cosmic detective', unha banda deseñada guionizada por Jeff Lemire e Matt Kindt. Rubín aborda o proceso de creación e de publicación dunha historia que, como el di, "mestura o xénero negro, policial, e as historias de detectives dos anos corenta, cunha ciencia ficción cósmica bastante tola".
O artista David Rubín vén de crear as viñetas de 'Cosmic detective' e vai presentar en decembro 'O lume'. (Foto: Manuel Barreiro)
photo_camera O artista David Rubín vén de crear as viñetas de 'Cosmic detective' e vai presentar en decembro 'O lume'. (Foto: Manuel Barreiro)

—Como xurdiu Cosmic detective?
Matt Kindt e Jeff Lemire xuntáronse para facer unha historia entre os dous e, cando xa tiñan unha sinopse máis ou menos clara, chamáronme para ver se me apetecía debuxala. Eu xa traballara con eles por separado e ademais parecíame que este relato daba moito pé a facer cousas novas. Temos a sorte de que o noso modo de traballar é bastante peculiar, cando menos dentro dos estándares da banda deseñada estadounidense, e parécese moito a traballar con colegas. Eles pásanme esta idea inicial, marcando inicio, nó e desenlace, e eu comezo a facer anotacións, algunhas debuxadas e outras por escrito. Imos intercambiando correos durante varios días até que os tres temos claro a onde queremos ir, cal é o ton, que cousas van saír na historia e aí eles comezan a escribir o guión.

Eles dous coñécense moi ben porque xa teñen colaborado xuntos en varias ocasións, entón xa lles sae bastante fluído. Coñecemos ben as nosas fortalezas, os aspectos máis febles de cada un e o que preferimos facer. Isto tamén é bo porque non nos cortamos á hora de opinar se preferimos tirar por unha historia ou se temos que dicir que algo non nos gusta. E xustamente por todo isto, cando me envían o guión para comezar a debuxalo non é algo fechado, porque eles saben que a min simplemente é mellor marcarme a ruta e deixarme tirar por libre. Penso que así é como mellor saen as cousas, porque todos traballamos a gusto.

—Na historia, o detective investiga un asasinato onde a vítima é un deus.
Iso foi o que máis me chamou a atención a min desde o principio. Mestura o xénero negro, policial, e as historias de detectives dos anos corenta, cunha ciencia ficción cósmica bastante tola. Penso que dá moito xogo comezar cos pés na terra, co detective dando todos os pasos que se dan tamén nos filmes ante un asasinato: entrevistando xente, buscando pistas, falando co seu superior, discutindo con xente, até que pouco a pouco vai atando cabos. Unir isto con pequenos estalidos de fantasía, que a partir do terceiro acto xa pasamos a unha tolemia total e a ciencia ficción absoluta, é un agasallo para min como artista.

—Ademais, a banda deseñada foi publicada a través dun crowdfunding.
Apetecíanos volver a cando comezábamos agora que os tres xa temos camiño andado e unha carreira feita. A autoedición é volver ter un contacto directo coa xente que nos le, facer un pouco o que nos dea a gana sen as limitacións que ás veces impoñen as editoriais, especialmente co tema dos formatos e sobre todo nos Estados Unidos. Jeff máis eu non as tiñamos todas connosco porque nunca fixeramos algo así, mentres que Matt está máis afeito aos crowdfunding e conseguiu convencernos.

Tamén foi no momento no que estalou a pandemia e para min igual non era o momento axeitado para lanzar algo así, mais non sei, a xente arredor do mundo emocionouse moito, supoño que se implicaron ao ver a ilusión e as ganas que nós transmitiamos. Agora, a edición que sae con Astiberri é a primeira fóra do crowdfunding, esa xa lle chegou á xente que mercou nese momento, e esperamos que se publiquen outras edicións en máis países.
 
—Hai algún outro traballo que vaia saír proximamente?
O 1 de decembro sacarei O lume, coa que farei unha xira polas cidades galegas e algunhas vilas. Faime moita ilusión porque é a primeira obra que saco simultaneamente en castelán, con Astiberri, e en galego, con Demo Editorial, algo que custa moito. Hai obras miñas en galego, mais saen anos despois de que xa moita xente as mercara en español e para min era unha condición que tiñan que saír o mesmo día e o mesmo formato para que a xente que quixera mercalo na súa lingua non tivese que agardar.

Comentarios