Devalo, é músico e profesor na Universidade de Bangor, no País de Gales

David Comesaña: "Para o disco escoitei moita música de finais dos 70, cando aparece o uso da electrónica"

Devalo é o último proxecto musical de David Comesaña, profesor na Universidade de Bangor (no País de Gales) e integrante noutros momentos de bandas como Nouvelle Cuisine, The Cripple and The Tramp ou Arderyn. Noites contadas saíu da man de Ferror Récords a finais de 2020 e desde entón a resposta do público e da crítica e as recensións recibidas manteñen a Comesaña, que xa está a traballar en novos temas, “contento" de como está a funcionar este primeiro disco.
DEVALO 2
photo_camera Antes de constituír Devalo, David Miranda integrou Nouvelle Cuisine e The Cripple and The Tramp. (Foto: Nós Diario)

Como nacen Devalo e Noites contadas e que tal está a ser  a súa acollida?

Despois de traballar con Lorena Souto en Arderyn comecei a facer novas cancións. Xa levaba tempo sen escribir letras propias e, a partir de aí, fun tendo un grupo de cancións que pouco a pouco se converteron neste proxecto. Non foi algo planeado senón que xurdiu dun modo natural e orgánico. E logo tiven a sorte de que ao selo ferrolán Ferror Récords lles gustase o disco e decidiron sacalo a finais de 2020.

En Ferror están a ser moi activos ultimamente, sacando grupos novos e moita promoción. Neste primeiros meses o disco funcionou bastante ben, saíu en varias citas referidas aos máis destacados de 2020, por exemplo na listaxe de "Mondo Sonoro", na súa edición de Castela e Galiza, onde quedou entre os 10 primeiros, e tamén noutras listaxes da rede e blogs. Tivo moi boa acollida e estou moi contento, todas as recensións foron moi positivas, así que feliz do modo en que está a funcionar. 

E como se inclinou pola música electrónica?

Por unha banda, gústame probar sempre cousas novas e como levaba anos facendo temas máis acústicos, como o disco con María do Cebreiro ou o The Cripple and The Tramp, que estaba máis ben inspirado polo folk anglosaxón e explorara a vea acústica... Apetecíame facer algo diferente e ao mesmo tempo non disociado, porque as influencias que tiven e as referencias nas que me inspirei xa estaban aí.

Empezara a explorar algo de música electrónica no anterior traballo con Lorena e, a partir de aí, leveino a un terreo máis pop. Estiven a escoitar moita música de finais dos 70 e comezos dos 80, cando comeza a aparecer o uso da electrónica, porque me interesa moito ese momento musical. E xurdiu así, un pouco por unha mestura de intereses, de experiencias previas, de experimentación, de xogar cos sons... 

Supón un traballo creativo moi distinto compor letra e música ou adaptar poesía?

Hai diferenza no proceso en si mesmo. Non abandonei completamente a adaptación poética porque no disco hai unha canción que se chama “A linguaxe das máquinas”, que é un poema de María do Cebreiro; levaba moito tempo escrita e finalmente encaixou aquí. Basicamente, a diferenza que hai para min no proceso é que cando traballo con poemas o que busco é un encaixe musical...

As letras xa están, aínda que sempre fago algún tipo de adaptación para que cadren mellor a música, a métrica, a melodía... No proceso de facer eu mesmo música e letra, parto máis do son e logo busco un encaixe para a letra. É un pouco o proceso contrario, aínda que empezan a saír ideas para letras e melodías de voz mentres vou compondo a música, pero na maioría das ocasións a letra aparece ao final. 

Ten xa entre mans algún novo traballo? Continuará co son electrónico?  

Hai varias semanas comecei a compor outra vez, estou nun proceso moi inicial, buscando melodías e pensando que tipo de son quero levar. Agora non hai posibilidade de tocar en directo e, por experimentar, puxen en Youtube un par de actuacións feitas na casa, para quitar esa espiña. Ao non poder actuar así volvín compor, mais aínda non hai data para un novo traballo...

Pode ser que dentro duns meses ou en 2022. Vou seguir explorando a música electrónica, porque aínda que eu na miña traxectoria fun máis guitarrista que teclista ou músico electrónico, estou a gozar moito, sobre todo da composición dos arranxos, xa gocei moito con Noites contadas e gustaríame seguir explorando no novo disco. 

Comentarios