David Machado, o mestre Mateo anticipado

David Machado: "Nos catro nomeamentos o máis importante non é unha cuestión técnica, senón de intención"

David Machado (Vigo, 1979) xa pode ir preparando o discurso, porque vai levar premio. O seu nome aparece nas catro finalistas a mellor son nos Mestre Mateo polo seu traballo en 'Ons', 'Arima', '9 fugas' e 'El desorden que dejas'. Aproveitamos esta curiosa situación para coñecer máis do seu oficio, fundamental para narrar historias, mais non sempre tan recoñecido nunha sociedade na que tanto prima o visual.  
David Machado é director do estudio La Panificadora. (Foto: Cedida)
photo_camera David Machado é director do estudio La Panificadora. (Foto: Cedida)

Presentadas as finalistas dos Mestre Mateo deste ano, toca facer cábalas e quinielas. Mais se hai algo que podemos asegurar é que David Machado vai ser premiado na categoría de mellor son. E non é cousa de sermos adiviñas ou termos intuición, senón máis ben cuestión de aritmética. O vigués está nomeado, en diferentes tándems, nas catro candidaturas que optan ao galardón: Arima (con Javi Pato), Ons (con Sérgio Silva), 9 fugas (con Eloy Táboas e Marco Maril) e a serie El desorden que dejas (con Alejandro López). E outro traballo da súa participación, a curtametraxe de Noemí Chantada Xoves de Comadres tamén opta a galardón.

Lin polo Twitter estes días un comentario do tipo: "Oxalá ter tan claras as cousas na vida como o Mestre Mateo de David Machado". Xa o ano pasado estaba en tres das catro, pero desta volta o premio está garantido. Como se vive isto?

É unha situación é un pouco estraña [ri]. O certo é que intimida un chisco. Eu estou moi contento polos catro proxectos, téñolles moito cariño. Á parte, non sempre desenvolvín a mesma faceta en todos. Nun deles fun xefe de son en rodaxe, o que implica a gravación do son directo, e logo noutros tres fixen a posprodución, esa parte máis de deseño de son e montaxe. Non eu só, claro. Nalgún dos casos son a cabeza visíbel, pero sempre cun equipo de traballo.

Teño que preguntalo: ten algunha favorita entre as catro?

Non, estaría feo. Aínda que a tivese non cho podería dicir [ri]. Teño moi bos recordos de cada unha delas. Traballei a nivel rodaxe moitos anos, como en El desorden que dejas [Vaca Films], e é algo que me gusta moito. Neste caso trátase dunha serie, unha proposta máis televisiva, pero foi moi potente poder traballar na Galiza cunha serie que vai para Netflix, cunha chea de actores e actrices, moita rapazada, foi unha experiencia moi divertida.

Logo, no deseño das outras, cada unha é un mundo, ten algo diferente. Ons [Alfonso Zarauza] é unha película moi naturalista, mais que se traballou cun son medio inmersivo, enfocado como dunha maneira un pouco thriller que contrasta coa narración visual. En 9 fugas [Fon Cortizo] estamos atados á música, imos cos intérpretes deixándolle paso á música e ao son, hai un baile case entre estes dous, como se ás veces levase un e ás veces levase o outro. Arima [Jaione Camborda], pola súa banda, ten moitas capas de historia. É un filme que a nivel xeral podes ver sen decatarte diso, pero se empezas a traballala, quer a nivel historia quer a nivel son, ten moitas capas de lectura. 

Todo isto, por suposto, traballando cos directores. Para poder facer un bo son precisas un director que queira un bo son, que axude, que achegue, co que poidas ter un diálogo para poder chegar a estas cousas. 

Se cadra o bonito é que con todas estas propostas abrangue distintos campos, tipos de traballo e achegas. Porén, o tratamento do son no cinema non é con frecuencia moi recoñecido polo público, non si?

Si, é unha parte moi importante da linguaxe, da forma de contar, pero a xente habitualmente non é consciente. Mais isto pasa tamén no día a día, moitas persoas non se decatan do que están a escoitar na súa casa, na súa cidade, no seu hábitat. Non se dan conta até que están noutro sitio ou un día volven. É un pouco como o olfacto, porque estamos moi atados á vista. Os recordos arquívalos a miúdo de maneira moi visual, aínda que realmente tamén os gardas doutro modo, pero sen decatármonos. Están como apartados, pero o olfacto ou o son poden sacarche sensacións desde ese sitio máis profundo, onde gardas todo iso, para rescatar cousas máis potentes e máis de verdade. 

E como naceu esa paixón polo son? Como decidiu precisamente que se quería dedicar a este oficio do audiovisual?

Pois eu comecei con isto un pouco porque non atopaba o meu camiño. Cando estaba facendo BUP e COU gustábame tocar a guitarra. Vin a posibilidade de facer son e metinme aí, pensando na música e todo iso. Realmente nese momento foi cando descubrín cos meus compañeiros o mundo no cinema. Empecei a ver moitos máis filmes, a inundarme, e descubrín que iso me apaixonaba. Sobre todo o deseño do son, as cuestións sonoras. Prepareime coa sorte de estudar na escola de Cuba, en San Antonio dos Baños, e estiven alí dous anos absorbendo como unha esponxa. É o piar fundamental de que eu hoxe estea traballando e podendo contar historias. 

Paréceme interesante que mencione os estudos. Nunha entrevista de hai uns cinco anos declaraba que un dos problemas do cinema galego tiña que ver coa educación. Como valora a súa situación hoxe?

Hai escolas, pero creo que non sempre tan especializadas ou tan ben preparadas na formación para o audiovisual. A respecto disto poden existir moitas opinións, mais eu vexo que ás veces non saes todo o preparado que precisas. Creo que se pode facer unha crítica construtiva e que se está mellorando, pero fáltalle moito. É moi importante que as institucións invistan neste tipo de escolas para que poidan potenciarse e sacar un tecido de xente preparada para o traballo real. 

Ten que haber un investimento importante nun eido como o audiovisual para a formación? Dígoo polo traballo con ferramentas moi especializadas. 

Si, pero sobre todo hai que querer contar as cousas. Eu tiven profesores que cun papel e cun lapis me ensinaron algunhas das cousas máis importantes que podo estar a empregar nestes momentos. Creo que nos catro nomeamentos as cousas máis importantes que temos non son unha cuestión técnica, senón de intención, de procura, de non conformarse. Tamén de aprender a escoitar e ver moito cinema. Iso está a man de calquera escola, ter unha educación cinematográfica é fundamental. Só cunha gran videoteca e xente que explique ben as películas, como se fan, xa é unha marabilla, sen precisar moito máis investimento. Mais ollo, todo é necesario. Obviamente, se te contratan para facer posprodución e non manexas as ferramentas é complicado. Non podes ser director ou directora de fotografía sen saber manexar a parte técnica da cámara. É algo que vai da man. Porén, a parte artística, a forma de contar e o amor e paixón por facelo é para min o fundamental. 

Comentarios