Cinema

O realizador galego David Fidalgo triunfa en 'Imaxinaria'

Conquistou o Premio do Público do certame coa súa curta de animación 'Sandwich Cat'.
David Fidalgo gañou o Premio do Público pola súa curtametraxe 'Sandwich Cat'. (Foto: Afuindación).
photo_camera David Fidalgo gañou o Premio do Público pola súa curtametraxe 'Sandwich Cat'. (Foto: Afundación)

A primeira edición de Imaxinaria chegou á súa fin na tarde de onte tras cinco días de proxeccións, encontros e aprendizaxes entre profesionais e o público do cine de animación.

Na sede de Afundación na Coruña proxectáronse ao longo desta semana 47 películas en competición chegadas de 21 países, así como outras 5 longametraxes de animación. Houbo ademais coloquios, presentacións de proxectos e clases maxistrais de realizadores de gran recoñecemento internacional como o holandés Michaël Dudok de Wit ou a española Isabel Herguera, quen tamén foi distinguida co Premio Activismo na Animación, de carácter honorífico. Herguera foi, ademais, membro do Xurado do Festival xunto ao produtor e director portugués de cine de animación Nuno Beato e o animador, guionista, director e académico das Artes e as Ciencias Cinematográficas Khris Cembe.

Moi orientado á infancia, preto dun milleiro de nenos e nenas participaron no certame. Asistiron tanto ás proxeccións familiares como ás diferentes actividades, por exemplo un obradoiro de creación de películas con siluetas de papel. Outras 600 crianzas pasaron tamén por Imaxinaria coas súas escolas.

O Festival de Animación, organizado por Afundación da man do ilustrador e director de cine galego Alberto Vázquez e a xestora cultural Matilde Rodríguez, premiou a curtametraxe Dog-apartment,do realizador estonio Priit Tender, que foi distinguida co Gran Premio Imaxinaria.

O xurado definiuna como unha película "difícil de esquecer", na que "a partir dun grupo de personaxes incríbeis e surrealistas medra unha historia profunda sobre un bailarín en decadencia".

O palmarés de Imaxinaria cómpletano a directora portuguesa Laura Gonçalves, que mereceu o Premio do Xurado por O homem do lixo; e o barcelonés Genís Rigol, que obtivo o galardón que distingue á mellor película galega ou estatal participante, o Premio Territorio, por El correu xunto a súa camarada.

Ademais, preto dun milleiro de nenas e nenos que participaron no Festival na Sede de Afundación na Coruña decidiron cos seus votos que o Premio do Público Infantil sería para a curta francesa Boom, a única en 3D dos galardoados en Imaxinaria.

O outro premio elixido polos asistentes a Imaxinaria, o Premio do Público, fica na Galiza: foi para Sandwich Cat, a curtametraxe do realizador lucense David Fidalgo Omil na que cando un extraterrestre intercambia a súa mente coa dun gato, o estupefacto dono do felino ten que se enfrontar a reflexións sobre a humanidade.

Comentarios