David Durán: "A música contemporánea responde ás inquedanzas actuais que temos"

O profesor David Durán opina que a música contemporánea afecta a todas as persoas e non só a unha elite.
O pianista e profesor no Conservatorio de Compostela David Durán.
photo_camera O pianista e profesor no Conservatorio de Compostela David Durán.

David Durán, profesor no Conservatorio de Santiago de Compostela e pianista profesional, pertence ao Ensemble Vertixe Sonora e está especializado na música clásica contemporánea, unha disciplina que a sociedade non consegue normalizar. Dada a súa experiencia, Durán expón a súa opinión en relación á temática e insiste na importancia dunha educación que inclúa a aprendizaxe destas novas formas de facer música para evitar que se sigan considerando “algo estraño”. 

Avante Pouca

Que é para vostede a música contemporánea?
Malia seren as dúas palabras claras de seu, a definición non o é en absoluto. Para min a música contemporánea é a música clásica, igual que a de Mozart ou Beethoven, pero que foi evolucionando até chegar ao día de hoxe. Esa é a música clásica contemporánea, a que atopamos actualmente. O problema é que nesta música existe unha distancia entre os compositores e intérpretes e o público. O porqué desta situación pode ter moitos matices á hora de explicalo. Se cadra conviría achegarse un pouco máis ás outras ramas artísticas, como poden ser as artes plásticas, e analizar como se conseguiu que esa distancia existente sexa menor. Deberíase estudar como se mostran e como se integran na sociedade estas novas formas de facer arte e intentar facer o mesmo coa disciplina da música contemporánea.


Que importancia cre que teñen os grupos de música contemporánea como é Vertixe Sonora e que tipo de público pensa que escoita esta música? 
Na miña opinión, estes grupos, por unha parte, xa teñen un valor tremendo polo simple feito de existiren, neste país é moi complicado levar a cabo proxectos deste ámbito, e, por outra parte, teñen tamén unha enorme responsabilidade á hora de intentar ensinar esa música que crean, de formar o seu público. A música contemporánea responde ás inquedanzas actuais que temos, trátase de entender como fomos evolucionando as persoas e como foi evolucionando a música con nós. Por iso é algo que nos remite a todos e todas, non é unha cuestión elitista, non se trata de atopar un público concreto, en absoluto. Existe un tipo de oíntes cuns coñecementos musicais específicos que se aferra a eles fortemente, impedíndolle abrirse a escoitar outras formas de facer música. Eu, persoalmente, non creo que faga falta ter un coñecemento musical previo para poder desfrutar deste tipo de pezas, pero cantas máis referencias se teñan, será máis sinxelo sentir un maior número de matices nas obras.

Avante Media 

Cre que é importante levar a cabo proxectos como a da exposición do Auditorio da Galiza, Mirar o Son, en relación a novas formas de facer música?
Desde logo que si, paréceme unha iniciativa importantísima. Ademais penso que o sitio para facela foi o primeiro acerto, pois o Auditorio podería dicirse que é a casa da música da Galiza. Tamén creo que é unha exposición que se fixo con bastante rigorosidade, e a colección de partituras é moi interesante, penso que resultan moi atractivas. Este tipo de partituras semellan moi curiosas, cada compositor ou compositora intenta plasmar no papel unha idea sonora, e iso é realmente difícil. Ás veces o resultado é un simple texto, como unhas instrucións, outras, mesmo pode ser un deseño pictórico moi rico. Tamén se poden achegar máis ao que é a notación clásica musical pero sempre con símbolos e recursos inventados. A verdade é que pode ser moi variado, e na exposición obsérvanse todas estas variantes.

Avante Toda

Que tipos de iniciativas coida que se deberían levar a cabo para intentar que a xente escoite máis música contemporánea?  
A chave é educación, educación, educación, xa desde as escolas. Penso que cada vez a presenza da música no ensino obrigatorio é máis anecdótica, e ese é o primeiro erro. Despois, desde os conservatorios, tamén habería que pensar en como integrar a música contemporánea na ensinanza actual, semella que é un “extra”, como un apéndice dos contidos que se imparten, e debería ser integrada con total naturalidade para que deixe de ser algo estraño.

Comentarios