David Barro dirixirá a Fundación Luís Seoane

O crítico, editor e comisario David Barro será o novo director da Fundación Luís Seoane, en substitución da anterior directora, Silvia Longueira, que fora destituída polo padroado hai catro meses. Barro chega á dirección da Seoane despois dun concurso ao que se presentaron 36 candidaturas. 

David Barro
photo_camera David Barro

Por unanimidade decidiu o padroado da Fundación Luís Seoane seleccionar a David Barro como director entre as 36 candidaturas que concorreran ao posto. O de Barro era, de todas maneiras, un dos nomes que máis soaba para ocupar o cargo que quedara vacante despois da destitución de Silvia Longueira debido á súa presenza no panorama artístico dos centros expositivos da cidade nos últimos tempos. 

Editor da revista DARDO, crítico de arte e comisario de exposicións, desde a propia empresa que dirixe emitiuse un comunicado no que se explica que decidiu presentarse “polas moitas posibilidades que abre un artista universal como Luís Seoane, figura clave da arte española e arxentina do século XX”. Valora tamén Barro o ter sido elixido a través dun concurso e un xurado “que cumpría cos principios de Boas Prácticas reclamados polos profesionais da arte”. 

Cun 40% menos de orzamento

O novo director da Fundación Luís Seoane posúe unha ampla traxectoria no panorama da arte contemporánea tanto en calidade de crítico e investigador como comisario ou editor. Asesor da  Fundación Barrié e responsábel de adquisicións, comisario de exposicións de artistas como Jessica Stockholder, Axel Hütte, Julian Opie, Alex Katz, Caio Reisewitz, Aitor Ortiz, José Pedro Croft ou Rui Chafes cunha mirada e unha presencia especialmente intensa en Portugal e Brasil; profesor da Escola das Artes da Universidade do Porto, ou director da revista Arte y Parte son algunhas das facetas que compoñen o seu currículo. 

David Barro chega a unha Fundación Luís Seoane que o PP afogou diminuíndo nun 40% o orzamento no último exercizo, pasando de 370.000 a 223.000 euros, a menor cantidade desde o ano 2.000. Nos orzamentos da Consellaría, desapareceron os 100.000 euros destinados por convenio á Fundación con sede na Coruña e, desta maneira, só recibiu do goberno galego 8.000 euros en calidade de subvención na convocatoria destinada a asociacións culturais. O PP alegara para a substitución da súa directora -que estivera en excedencia o tempo de ocupar unha concellaría do PSOE no anterior goberno municipal- que tiña vontade de imprimir outra “velocidade” no centro que ten como referencia a obra de Seoane.

Comentarios