Alega diferenzas con Longueira e Sande

David Barro demite do seu posto como xerente da Fundación Luís Seoane

O xerente da Fundación Luís Seoane, David Barro, demitirá do seu cargo á fronte da institución coruñesa por incumprimento do seu contrato. Alega diferenzas con Silvia Longueira, concelleira do PSdeG que, en virtude do cumprimento dunha sentenza xudicial, fora readmitida como directora da institución após ser despedida polo goberno do PP, e con José Manuel Sande, concelleiro de Cultura.

[Imaxe: Concello da Coruña] Á dereita, David Barro, e á esquerda, J.M. Sande.
photo_camera [Imaxe: Concello da Coruña] Á dereita, David Barro, e á esquerda, J.M. Sande.

O xerente da Fundación Luís Seoane vén de anunciar nun duro comunicado ao que tivo acceso Sermos Galiza que abandonará o seu cargo na institución, un posto ao que accedera a través dun concurso público ao que se presentaran 37 persoas. David Barro comunicou a súa decisión no pasado mes de xullo aos membros do Padroado, que lle ofreceron continuar á fronte da fundación.

Entres as razóns que esgrime o xerente, destaca a “imposibilidade de convivir compartindo a dirección coa directora”, Silvia Longueira. De facelo, di, aceptaría “actitudes graves e inaceptábeis”. Máis aló do nomeamento de Longueira “sen concurso e por imposición política ao Padroado”, reproba a actitude de “querer aferrarse a un cargo de maneira vitalicia utilizando métodos pouco éticos como realizar gravacións non consentidas a unha serie de membros do Padroado nos seus espazos privados, aproveitándose da súa amizade e confianza, o que permitiu a consagración duns dereitos laborais de réxime común como unha alta dirección por parte dun xuíz”.

Longueira foi readmitida no seu posto após ser despedida polo Goberno do PP

Silvia Longueira, concelleira do PSOE na Coruña, foi directora da fundación entre 2004 e 2007, ano en que colleu unha excedencia para exercer o labor de edila de Servizos Sociais. En 2013, foi cesada por “falta de confianza”, cando o Padroado estaba presidido polo entón alcalde Carlos Negreira (PP). Após unha batalla xudicial, Longueira era readmitida no seu posto en febreiro de 2016 en cumprimento dunha sentenza do Tribunal Supremo contra a que non cabe recurso.

Inxerencias políticas do edil de Cultura

Aliás, David Barro indica que a segunda das razóns polas que abandona o cargo é debido ás “inxerencias políticas” nos últimos meses por parte do presidente do Padroado, o concelleiro de Cultura, José Manuel Sande (Marea Atlántica), que “encargou ou autorizou a directora a unha serie de actos e exposicións sen a aprobación previa dos membros do Padroado e sen a aprobación do xerente”.

O xerente da institución refírese no comunicado á “perda de confianza en quen debería ser o seu principal interlocutor”.

Por último, David Barro alude á “maltreita situación económica” da Fundación Luís Seoane, que tivo que facerlle fronte ao custo que supuxo o despedimento nulo da directora, 144.648 euros segundo recolle na nota, amais do custo dos avogados. Unha situación, advirte, que “hipoteca” a fundación e que provocou o atraso e a anulación de exposicións.

Comentarios