Unha das novelas chave do Rexurdimento de Harlem, en galego

Na prehistoria cultural do movemento afroamericano polos dereitos civís sucedeu o Rexurdimento de Harlem. Aquela explosión, localizada en Nova York, en que agromaron indicios de pequena burguesía negra e o jazz popularizouse, franqueou o paso a unha literatura propia, autónoma respecto do canon estadounidense. Pasar (1929), de Nella Larsen, é peza central desta historia. Agora publícase en galego, versión de Carlos Valdés, e publicada por Irmáns Cartoné.
 

harlem renaissance
photo_camera Imaxe de Harlem, Nova York, en 1924.

Pasar, Passing no título orixinal, narra a relación entre dúas mulleres afroamericanas “de pel clara dabondo para pasaren desapercibidas”. A novela ofrece un territorio en que se cruzan raza, xénero e clase. A existencia de Irene Redfield e Clare Kendry acontece nunha condicións que elas non escolleron e contra as que se revolven de maneira máis ou menos explícita. Ao fondo, emerxe a nada amánel verdade sobre a sociedade norteamericana do seu tempo.

220px-NellaLarsen1928

Un ano antes de Pasar, Nella Larsen (1891-1964) dera á luz pública Areas movedizas (Quicksand). Dúas novelas e oito relatos conforman a obra dunha muller que traballou como enfermeira e bibliotecaria. Nos anos 40 do pasado século abandonou a literatura.

A obra de Larsen non é o único rastro do Rexurdimento de Harlem en galego. En 1993, a editorial Laiovento colocara nas librarías O seu olhar posto em Deus (Their Eyes Were Watching God, 1937), dunha das figuras centrais da época, Zola Neale Hurston (1891-1960). A tradución é de Elvira Souto. Unha pequena escolma de poemas de Langston Hughes -o talvez principal poeta negro anterior á II Guerra Mundial- saiu, no seu día, na Revista das Letras de Galicia Hoxe.

Nota: a escritora afroamericana Nella Larsen.

Comentarios