Unha escolma do papel: Lugo é letras.

Darío Xohán Cabana, a sabia aprendizaxe dun sosego

Somos, desde hai xa moito tempo, amigos. Bos amigos, diría eu. Ademais, cómplices de historias que hoxe non veñen a conto. Desde cando viñemos estudar á capital ou desde cando el vendía libros de Castrelos. Ou despois, cando vendía a domicilio e viña á miña escola do Picato, falabamos, soñabamos tanto!

Darío Xohán Cabana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Darío Xohán Cabana

Temos e tivemos moitos amigos comúns. Aínda hoxe, cando nos atopamos, sempre se nos debuxa na cara un sorriso de contento e botámonos en temas agradecidos e sorrisos. Se boto atrás a cabeza, aínda o vexo naquel coche, un “Lada”, caldeirando as nosas rebeldías, ou lembro cando pousaba a cachimba entre os beizos para dar caladas de néboa polas rúas de Lugo adiante. Alumno espelido do “Manuel María e Ferrín: a grande xeración”. Fabulador de historias para nenos e grandes, cómplice tamén do Paco Martín –ascendido á categoría de chairego, por méritos no tempo contraídos- e outros, o Xabier P. Docampo, o Agustín Fernández Paz, e toda unha memoria delas e deles. Garda municipal en Corcubión onde escribiu por exemplo “Patria do Mar”, gardián do Auditorio de Lugo, …moito lle queda por facer, non lle fai noxos a nada.

Pero sobre todo é un gran relator, un tradutor enorme e un poeta dos de auga limpa, que son os mellores. Por riba de todo iso, é un amigo, como dixen, deses imprescindibles na xeografía das nosas propias vidas, deses que serve para encontrarte a ti mesmo, cando te atopas perdido. Darío é home enteiro e cabal e eu sempre o vexo acompañado dos seus, da súa muller  –aquela mociña de Bueu, a Amelia- e dos fi- llos, tan estimados. Para min –téñoos así nun lembro- sempre xuntos e aínda que non os vexa todo canto quero, aparecen os catro alá por terras de Romeán gozando da paz da terra e da amizade dos amigos da casa de Rego, onde eu xa ía, sendo pequeno, festexar. Pero Darío, volvendo ao conto, é capaz de arrecadar soños e debullar anceios. Capaz de roer o pó dos camiños e deixar que o seu corazón corra milleiros de soños que un día serán follas de luz, para todos; aclaratorias deste camiñar que, só semella, non chega a ningures.

Aprendeu a pé de corredoiras, a pé de rúa, a pé de reco- ñecerse en Roás da Terra Chá, Matria común, que aínda nos contempla. Darío ademais de militante da esquerda nacionalista, tamén é un par de pernas longas que alancan a pé firme e aínda vén, canda nós, polos eidos inesgotables da esperanza. Iso fainos non esmorecer diante nada, cunha marcada teimosía, esperando, agardando esa Patria liberada que se nos resiste. Pero sabemos da súa certeza e desde ela nos asiste. Traballador incansable e é un home bo. Xunto a el, pertencemos a esa xeración eterna de indignados. A boas horas tivemos que esperar por outros que nos indignasen, e menos colectivamente. Nós xa o estabamos. Somos sabedores de canto a historia nos debe, de canto nos ocultaron, de tanta memoria latente que quedou pousada entre as foulas dos camiños e prendidas nas silveiras. Soubémonos indignados ao comprobar que o mundo é noso e non nolo deixan, que nolo teñen oculto e apartado. Un roubo. Que somos donos de nós e posuidores dun pasado cheo de silencios, que son tesouros. Que nos terán que pagar débedas de amor, de esforzo e medos. Por iso seguimos instalados na insubmisión, estado de ánimo nunca vitimista, que non resolvería nada, que fala e non fai e mesmo agride e pon violentos.

Aprendeu a pé de corredoiras, a pé de rúa, a pé de recoñecerse en Roás da Terra Chá

O Darío pasou camiños empedrados e bá- goas, aquelas que nos deixan aterecidos mirando atrás, procurando corrixir fóra de tempo os erros cometidos. Algunhas chorámolas xuntos, coiteladas da vida nas ausencias –o Manuel, o Fiz, …tantas e tantos outros- compañeiros do andar, moi sentidos tamén nas lembranzas, cada vez máis preguiceiras, compañeiros de tantas oportunidades perdidas. Podería falar do Darío colaborador da Voz co seu crucigrama galego, do escritor, do Darío narrador (O cervo na torre), do Darío tradutor (A Divina Comedia, Vida Nova, a antoloxía do Dolce Stil novo, Os tres mosqueteiros…), das tantas colaboracións en traballos colectivos, das nosas presenzas nos Festivais da Poesía do Condado. Podería dicir da súa obra poética, fundamental e perfecta, tan ben cadrada, tan ben acentuada e luída. Pero habédesme perdoar que diga nada máis que é un escritor bo, pero selecto. Ollo, non é escritor para miudanzas temáticas, nin escribe para dar contento a ninguén. Quen lea a Darío debe saber que non espera o favor compracido dunha masa enorme de xente que non sinta. Non, Darío busca transmitir o que leva dentro. Para iso, hai que ter algo que se chama xenerosidade, receptores nos sentimentos e, ademais, a capacidade de confiar ás verbas o ton sublime da verdade, que é a necesidade precisa e rigorosa que transmite máis que signos, lonxe de finezas estúpidas nas que os corifeos aplauden. Obtivo recoñecementos á súa obra, en calquera das versións que se lle queiran recoñecer, moreas de premios que non fixeron mudar a súa integridade e a responsable ascendencia labrega e rural, que sempre reivindica.

Cantamos moitas letras del, e el desde a súa humildade, nin sequera quería recoñecelas como súas

Eu podo, desde un punto de vista nada común, facer especial valoración e contarvos como Darío tece os poemas, non só os escribe. Teño perdidos, polos recantos da casa, folios da nosa lembranza, poemas e relatos feitos en tempos da mocidade, algúns deles que el mesmo non tiña, nin sabía deles. Ilusións compartidas e alusións a temas de moito tempo atrás, cancións en potencia, desexos da fe, aconteceres caídos nas miñas mans en momentos de ousada pretensión, quizais de soños. Cantamos moitas letras del, e el desde a súa humildade, nin sequera quería recoñecelas como súas. Había que se enfadar para que as asumise propias. Lembrades aquela que eu cantei, case chorando “dixéronme de neno cando era, …namáis que vento e fume dado ao vento. A “Canción para escribir mañá”. Palabras de corte fino, gravadas polos meus beizos coa música de Antón Campelo. Tamén Darío foi culpable da canción de “O lobo” que falaba dunha noite de séculos e de tres feros galgos, …querían matar ao lobo! Ou “A balada dos sete mariñeiros”, a María Balteira, señora da saia leda e do refaixo garzón. Ou senón aqueles preciosos versos de “Por amor”, nos que aloumiña voz e corpos de desexo. Aínda non hai moito, tiven que obrigalo a asinar a folla da súa letra. Porque non sei se sabedes, pero cando alguén ousa poñer música a algún poema, fai unha invasión e, polo tanto, ten o deber de chegar á poesía en propiedade, ata poñela na pel e incorporala ao adeene. Ten a necesidade de baixar cada verba ao chan e remoer estruturas que moven cada verso, domealos en rumores, en principios melódicos que dean razón aos estremecidos sentimentos que, nese momento, nos habiten. Cando alguén musica versos debe chegar á mesma alma do poeta. Repetilos incansablemente, memorizar cadencias, subir e baixar vocábulos, interpretar coa voz ou cos silencios a intención que madurou os versos.

daríoxoháncabana

Desde a palabra, volver tecer a utopía en sons, harmonías cheas de ecos que resoen e que digan, que describan os relembros. Apéganse así os sons ás palabras, e dan forma a un xeito de misterio, ese engado musical entrelazado en afectos, coa lealdade dunha sentencia suxestiva. Agora, que sabedes algo máis del, da tanta obra ben tecida, cómpre que todos os que isto ledes, teñades a ansia de volver sobre dela, sempre fresca. Se queredes, comezade por aquelas que eu máis teño en consideración, e son O Romanceiro da Terra Chá, Verbas a un irmao ou a Cabalgada na brétema. En narrativa, Galván en Saor, Morte de Rei ou Mitos e memorias; e xa, na Literatura infantil e xuvenil, as Aventuras de Breogán Folgueira ou as Viaxes do Príncipe Azul, por poñer nome a algún deles. Veredes que paga a pena non só lelos, senón deleitarse na sabia aprendizaxe dun sosego.

Esta reportaxe apareceu no Sermos Galiza nº 171, publicado a 12 de novembro de 2015. 

Comentarios