'Credo', de Nova Galega de Danza, reflicte a experiencia da peregrinaxe

A danza percorre o Camiño de Santiago

A compañía, gañadora do Premio da Cultura Galega, utiliza a ppoesía de Celso Emilio Ferreiro como guía para reflectir o itinerario polo camiño. 
Unha escena de 'Credo', de Nova Galega de Danza.
photo_camera Unha escena de 'Credo', de Nova Galega de Danza.

Non é habitual que se relacione o Camiño de Santiago coa poesía de Celso Emilio Ferreiro, mais esa foi a vía que escolleu Nova Galega de Danza para crear o seu novo espectáculo, Credo, que pretende recrear non tanto o camiño físico como a experiencia interior de aquelas persoas que o percorren. A compañía, que vén de recoller no pasado mes de maio o Premio da Cultura Galega 2021, presentará na praia de Pantín, no concello de Valdoviño, un espectáculo que posúe unhas características particulares dentro da súa traxectoria. 

"É a primeira vez que deseñamos un espectáculo sen música en directo, porque foi creado, precisamente, para escenarios ao aire libre, para adaptalo á rúas ou outros lugares que necesitaban dunha maior flexibilidade á hora de montar a infraestrutura", sinala a Nós Diario Jaime Pablo Díaz, creador e director artístico da compañía. "Desde hai un tempo, cando creamos un espectáculo, pensamos sempre en que poida ter dúas versións: para teatros e para rúa. Credo, porén, foi pensado xa desde o principio para este tipo de funcións en exteriores". 

Credo parte do imaxinario creado por Celso Emilio Ferreiro en Longa noite de pedra. "Queriamos tratar de expresar o que sucede durante o camiño, mais non tanto o que sucede a nivel físico senón o que sucede no interior da persoa que o fai", explica Díaz. "E lendo este libro de Celso Emilio decatámonos de que todo ese imaxinario axuda moito a transmitir o que queriamos contar". 

O espectáculo, de trinta minutos, parte dunha narrativa na que diferentes persoas que fan o Camiño van xuntándose para percorrelo xuntas. "Non é igual camiñar só que facelo en compañía doutra persoa ou que facelo en grupo: a experiencia cambia completamente. Ao camiñar xunto a moita xente, trátase, fundamentalmente, do sentir de todos, dun sentir colectivo. Por iso a presenza constante dos seis bailaríns en escena (Inés Vieites, Estefanía Gómez, Uxía Rivas, Pablo Sánchez, Ricardo Fernández e Amara Pérez), porque son eles os que teñen que contar esta historia. Crear esta coreogafía, pensada ademais para ser executada en exteriores, levoume a pensar moito sobre os límites do corpo e sobre as relacións que este estabelece co espazo que o rodea". 

A música, malia non ser en directo desta vez, ten unha grande importancia no desenvolvemento do espectáculo. "Volvemos repetir con Sergio Moure como compositor [xa presente nos últimos espectáculos da compañía, Son e Leira] porque resulta moi fácil entenderse con el, axiña capta o que queres expresar. Vén do cinema e ten unha enorme capacidade de visualizar e de crear músicas que axudan ao público a situarse no lugar onde queremos trasladalo". 

Reivindicar o gozo de camiñar

Ese lugar combina a natureza e a cultura que se poden percorrer ao longo do camiño. "Hai momentos da peza en que se visualiza moi concretamente o que os peregrinos ven no seu itinerario, e con isto pretendemos, sobre todo, achegarnos a ese momento en que se desfruta camiñando. Moitas veces camíñase sen desfrutar e a peza quere fixarse, precisamente, neses momentos en que estamos en harmonía co que facemos e co que nos rodea. Nos tempos que corren, creo que é moi necesario buscar e reivindicar ese tempo en que estamos ben con nós mesmos". 

Comentarios