xoves 13/08/20

Daniel Salgado gaña o López Abente de poesía con “Os tempos sombrizos (Diario)”

O poemario “Os tempos sombrizos (Diario)” do escritor e xornalista Daniel Salgado é o gañador do 1ª premio de Poesía Gonzalo López Abente, convocado pola Fundación do escritor en colaboración coa Xunta. 

Daniel Salgado (Foto do blog de Xerais)
Daniel Salgado (Foto do blog de Xerais)

O libro de Daniel Salgado, “Os tempos sombrizos (Diario)” foi escollido como gañador da primeira edición do Premio de Poesía Gonzalo López Abente por un xurado composto por Marilar Aleixandre, Miro Villar, X. H. Rivadulla Corcón con Vicki Rivadulla como secretaria. O xurado valorou a “construción do discurso a xeito de diario que amosa o compromiso anticapitalista a través do diálogo cos principais referentes ideolóxicos na loita pola liberdade e a xustiza social”. Destacan tamén a “rica intextualidade” do libro tanto coa poesía como coa música contemporáneas, de maneira especial co jazz. 

O acto de entrega do premio terá lugar o día 20 de xullo, no marco do programa que a Fundación deseñou para conmemorar o cincuenta aniversario da morte de Gonzalo López Abente. Unha conferencia de Xosé Luís Méndez Ferrín e a presentación da obra completa de López Abente en edición de Miro Villar completarán o programa da xornada. 

Escritor, xornalista e músico, Daniel Salgado iniciou a súa lista de libros poéticos na editorial Espiral Maior, ao publicar en 2004 o libro Sucede. Virían logo Días no imperio (Sociedade de Cultura Valle-Inclán), Éxodo (Xerais), Os poemas de como se rompe todo (Sotelo Blanco) e o máis recente Ruído de fondo (Xerais). Forma parte da banda Das Kapital que está tamén a presentar o seu novo traballo “Grecia”. 

comentarios